Sen dúbida, abril destaca por ser o mes do libro e a lectura; se o día 2 conmemorabamos o Día do Libro Infantil e Xuvenil, o vindeiro 23 celebraremos o "Día do libro e dos dereitos de autor", unha efeméride impulsada dende 1995 pola Unesco coa intención de homenaxear o libro e a lectura e fomentar o respecto pola importante achega social e cultural dos autores.
Unha efeméride á que a biblioteca municipal de Brión dedicará unha programación especial de actividades nas que destacan un espectáculo de narración oral, unha presentación bibliográfica, unha actividade de solta de libros (bookcrossing), así coma varias propostas e contidos virtuais a través das redes sociais do centro.
Asemade, as persoas afeccionadas ao teatro poderán gozar coa presentación en Brión de “Running”, unha obra da compañía “De Ste Xeito”. A estas actividades, súmanse unha nova edición de “Brión, unha historia que contar”, dedicada á parroquia de Ons e unha ruta polos lugares máis significativos da bisbarra relacionados con Rosalía de Castro.
Abril, mes do libro e a lectura
A BPM de Brión organiza unha programación especial coas seguintes actividades:
“O libro dos pos máxicos” de Marisa Irimia
Marisa Irimia presentará en Brión un espectáculo de narración oral destinado a crianzas de entre 4 e 11 anos de idade. Un serán contacontos que se celebrará o venres 21 de abril ás 18:00 h. na Sala municipal de Exposicións (Casa da Cultura) con entrada de balde ata completar a capacidade do local.
Encontro literario
Non será un, senón dous os libros que se presentarán en Brión o vindeiro 28 de abril. Un encontro literario no que coñeceremos as primeiras traducións ao galego de dúas obras clave da literatura universal, escritas por dous autores premiados co Nobel de Literatura. Falamos de “Vinte poemas de amor e unha canción desesperada” de Pablo Neruda e “Crónica dunha morte anunciada” de Gabriel García Márquez, ambas obras publicadas pola editorial Medulia e traducidas á nosa lingua por X. Amancio Liñares Giraut e María Rey Rey. Os tradutores, que tamén exercen coma editores literarios, estarán acompañados para a ocasión polas filólogas e escritoras Carmen Blanco Ramos e Mª Carmen Perafita Couto.
“Colle o teu libro e corre”: Solta de libros
Baixo a mesma denominación que o pasado ano, “Colle o teu libro e corre”, a cidadanía de Brión poderá participar nunha actividade de solta de libros nun punto de recollida que ficará no recibidor da biblioteca municipal.
A iniciativa porase en marcha o venres 21 de abril e repetirase o día 24 no horario de apertura da biblioteca; e dicir, de 9:00 a 13:30 h. e de 16:30 a 21:00 h. As persoas que se acheguen poderán retirar un libro sen que sexa necesario traer libros de intercambio, aínda que quen desexe facelo poderá ceibar na mesa os seus propios exemplares.
Propostas en liña a través das redes sociais da biblioteca
Unha vez máis, a biblioteca municipal lanzará varias propostas participativas a través do Facebook (@bibliotecadebrion) e do Twitter (@bibliobrion). Serán, #librosdanosavida, lecturas que vos marcaron nalgún momento e queirades recomendar ao resto de usuarias e usuarios da biblioteca; #librosconcaratula, unha iniciativa para partillar as cubertas dun libro (ou varios) que esteamos a ler ou remataramos de facelo recentemente.
A biblioteca tamén compartirá recursos culturais e informativos para a lectura e o lecer. Recomendaranse libros e outros contidos dixitais accesibles en préstamo dende as plataformas GaliciaLe-eBiblio e ebibliodacoruna. Tamén libros dixitais (e-books) de libre distribución para incorporar á vosa biblioteca.
Teatro: estrea en Brión da obra “Running”
A compañía De Ste Xeito presentará en Brión o espectáculo teatral "Running", con dramaturxia e dirección a cargo de Esther F. Carrodeguas. Unha vertixinosa comedia, para público a partir de 12 anos, con mensaxe final… parodia da nosa ocupadísima vida actual coas súas eternas présas, ese maratón de teléfonos, móbiles, obrigacións familiares, persoais e laborais… que pretende reflexionar sobre a cabida que pode ter nesta acelerada dinámica “sempre Running” o amor, e en última instancia a relación cun mesmo.
A data de celebración será o sábado 22 de abril ás 20:00 h. no Centro Social Polivalente de Brión, con entrada libre ata completar a capacidade do local.
Brión: unha historia que contar. Ons, de vagar pola historia das súas aldeas
Un novo serán arredor da historia e tradicións do Concello de Brión. Neste caso dedicado á parroquia de Ons. Celebrarase o sábado, 22 de abril a partir das 16:30 h. no Teleclube de Ons
Programa:
16.30 h. Acollida por parte de Luciano Pena.
16.40 h. Presentación da xornada.
16.50 h. Faladoiro con:
- Clodio González Pérez: “Ecos de lamprea doutros tempos no río Tambre”
- Xesús M. Xiráldez: “Fotografía e memoria visual de Brión”
- Membros do Teleclube de Ons e outras persoas da comunidade local: “Murmurios de vida na historia de Ons”
- José Manuel García, presentador de radio. Encargado de moderar o faladoiro.
18.00 h. Andaina comentada pola ruta do Pozo Negro (5 km). (Traer roupa e calzado cómodo).
Ruta polos lugares Rosalianos
O 29 de abril está prevista a realización dunha ruta polos lugares máis significativos da bisbarra relacionados con Rosalía de Castro. Unha actividade sobre a que axiña publicaremos máis información.