
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, recibiu esta mañá ao seu homólogo do municipio caboverdiano do Tarrafal, José dos Reis, e o concelleiro de Agricultura e Sanidade, Osvaldo Chantre, interesados en coñecer a experiencia do espazo colaborativo “Transformando en Brión” como exemplo de boas prácticas para a comercialización de produtos do sector primario local. Unha visita na que estiveron acompañados pola xerente do GDR Terras de Compostela, Chefa Fernández; e as concelleiras de Promoción Económica, Guarina Rey; Servizos Sociais, Rosa Romero; e Cultura, Sandy Cebral.
Pablo Lago ofreceulles toda a colaboración do Concello de Brión e desexoulles “que esta viaxe sexa enriquecedora”, poñendo en valor a experiencia pioneira do coworking brionés “que serviu de exemplo e está sendo reproducido noutros municipios de Galicia por ser quen de xuntar a un grupo de pequenos e pequenas produtores de froitas e produtos da hora que atopan nestas instalacións a mellor opción para transformar e comercializar os seus produtos”.
Pola súa banda, José dos Reis convidou aos presentes a visitar Tarrafal, “un municipio histórico e o máis turístico da Illa de Santiago. Temos potenciais de turismo histórico e cultural porque temos un rico patrimonio, como o museo do Campo de Concentración de Tarrafal que é o sitio máis visitado de Cabo Verde. É un municipio para coñecer, visitar e investir”. Así mesmo, indicou que con esta visita “queremos aprender da vosa experiencia no sector primario e que poida dar froitos en beneficio dos nosos veciños”, amosando o seu interese pola colaboración do Concello á hora de obter os permisos sanitarios que permitan a comercialización dos produtos.
A delegación caboverdiana fixo unha visita guiada ás instalacións do espazo colaborativo “Transformando en Brión”, pertencente á Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña e emprazado no terceiro andar do centro comercial Montebalado. Unha visita guiada por Carme Freire, da asociación Daquí Darredor, durante a que puideron degustar un almorzo composto por produtos elaborados por usuarios e usuarias do coworking. Finalmente, a expedición visitou unha horta na aldea de Trasouteiro e propiedade dun dos asociados ao coworking.
Proxecto en Tarrafal
Esta visita está encadrada no proxecto “Apoio ao Desenvolvemento Económico Local do Municipio do Tarrafal”, impulsado polo Fondo Galego, en colaboración co Concello de Brión. e cofinanciado pola Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento (AECID), a través da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade. Un proxecto que botou a andar en 2024, cando a axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Brión, Lola Landeira, e a xefa de brigada de incendios de Nigrán, Carla Pérez, se desprazaron ao Tarrafal co programa de cooperación técnica Especialistas en Cooperar para identificar as necesidades e potencialidades da zona, como punto de partida para unha colaboración a catro anos.
Mañá mércores, 26 de marzo, José dos Reis e Osvaldo Chantre presentarán o proxecto de apoio ao desenvolvemento local do Tarrafal na Asemblea Xeral do Fondo Galego, que terá lugar ás 11:00 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel, exercendo a Deputación de Ourense como anfitrioa. Pola tarde desprazaranse a unha granxa en Pantón, mentres que o xoves coñecerán unha cooperativa de horta ecolóxica en Oza-Cesuras. A xornada do venres desenvolverase no Concello da Laracha, con visitas a unha granxa e a unha planta de envasado e mais encontros con asociacións. Os representantes municipais de Cabo Verde irán o sábado a Salceda de Caselas para coñecer unha produtora cárnica e tamén o labor da Asociación Veciñal, Agrícola e Cultural San Tomé de Parderrubias. A axenda pecharase o luns 31 no Concello de Burela, onde se reunirán coa confraría e con armadores, ademais de achegarse ata o barco-museo boniteiro.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 115 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vai cumprir 28 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.