O escritor lucense Vicente Piñeiro recibiu a pasada semana en Brión o Premio Laudamuco para textos teatrais, tras gañar a quinta edición deste certame literario que anualmente convocan o Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. Un certame que persigue por en valor a figura de Roberto Vidal Bolaño e promover a escritura dramática en lingua galega.
O premio está dotado cunha gratificación en metálico de 7.000 euros, un trofeo en bronce deseñado polo prestixioso artista Xosé Vizoso e a edición da obra por parte de Edicións Positivas.
Ao acto, que se celebrou na Sala Municipal de Exposicións de Brión (Casa da Cultura), asistiron medio cento de persoas, que gozaron dunha breve representación dun texto de Roberto Vidal Bolaño por parte do grupo Os Quinquilláns e tamén dunha posta en escena dun dos capítulos de “Devólvenos a Xermánico”. Trala entrega do premio, todos os asistentes recibiron como presente un exemplar do libro premiado editado por Edicións Positivas.
Un emotivo acto para loar ao gañador e homenaxear ao noso teatro
Francisco Macías, director de Edicións Positivas, destacou no seu discurso que “o teatro é o xénero literario máis vivo, máis atrevido”, aínda que “está un pouco desconsiderado pola crítica e polo público”. Un feito do que se aproveita Edicións Positivas para publicar libros como “Devólvenos a Xermánico”, un exemplo “desa calidade literaria que hai no teatro galego neste momento”, comentou.
Luma Gómez, actriz e integrante da xunta directiva da Academia Galega de Teatro, destacou que “o Laudamuco é un premio que vai crecendo en número de textos e na súa calidade. Non quero desmerecer a ninguén das anteriores edicións, pero fomos avanzando ata un nivel importante na calidade dos textos premiados”.
Vicente Piñeiro, que acudiu ao acto acompañado pola súa dona, agradeceu o esforzo do Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas por promover un premio tan importante como o Laudamuco, o galardón con maior dotación económica dos que se convocan. No discurso de agradecemento, Piñeiro cualificou a obra galardoada como “un aloumiño, un engado para seguir escribindo, para que os meus días teñen sentido porque, sen a cultura, estaría morto en vida”. Tamén comentou diante do auditorio o proceso creativo detrás de “Devólvenos a Xermánico”, “unha vez, meu fillo díxome: papá, por que non escribes sobre Xermánico”. Tamén recoñeceu que “este libro axudoume nos peores momentos da pandemia, cando escribín unha parte na casa do meu fillo, illado entre viñedos”.
A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, destacou na súa intervención que “o pano volve alzarse con normalidade e as únicas máscaras que hai hoxe entre nós son as propias do teatro”. Agradeceu a colaboración da Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas “por axudarnos a poñer en marcha un dos premios máis importantes de Galicia”, poñendo en valor que “este ano sumamos 41 novos textos teatrais orixinais en galego, textos de gran calidade” que dan cumprimento ao obxectivo co que se creo o Premio Laudamuco: promover a escrita de teatro en galego.
A decisión do xurado
O xurado, conformado pola propia Academia Galega de Teatro, estivo integrado por Francisca Abeledo Serén, Fabrice Corrons, Xosé Manuel Rabón, Francisco Oti Ríos e Eduardo Rodríguez Cunha, quen actuou como secretario. Os membros, despois dun longo e intenso debate, acordaron por maioría premiar a proposta de Vicente Piñeiro “pola súa perfección e estrutura dramatúrxica, pola temática histórica con excelencia documental o que dá como resultado unha obra teatral perfecta”.