OUTONO CULTURAL 2023 | TEATRO | MOFA E BEFA - PIROLÍTICOS
Mofa e Befa presenta en Brión a obra "Pirolíticos"
Xénero: Comedia | Público adulto | Duración: 90 min.
Dirección: Clara Gayo | Escrito por Lucía Aldao, María Lado, Clara Gayo | Intérpretes: Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira
Data: venres, 15 de decembro
Hora: 20:30 h.
Lugar: Centro Social Polivalente
SINOPSE:
Co gallo do seu 30 aniversario, Mofa & Befa emprenden o seu proceso creativo máis arriscado e experimental, coa incorporación de tres mulleres na dirección e no texto. Clara Gayo, María Lado e Lucía Aldao acompañan aos artistas en PIROLÍTICOS, unha proposta que, sen renunciar ao teatro que Mofa & Befa sempre ofreceron, contén necesariamente a visión e o humor destas tres mulleres que aceptaron sen dubidar o desafío.
Mantendo a estrutura, o estilo, e as intencións “didácticas” que sempre caracterizaron a este dúo, PIROLÍTICOS é esencialmente unha guía para orientar ao público sobre as novas masculinidades de sempre e conseguir (no caso dos homes) unha correcta pirólise en 10 pasos sinxelos. Ao igual que os fornos modernos, é necesario conseguir un estado de “baleiro total” para poder comprender e asumir os novos conceptos que o Feminismo achegou nas últimas décadas. Reflexionar sobre o impacto do Patriarcado nos propios homes, recoñecer a súa posición de privilexio, e amosar as contradicións que estas influencias provocan no noso día a día, poñendo o foco en todo momento sobre un home que simpatiza coa teoría feminista e aspira a vivir en consoancia con ela, pero que ten que enfrontar unha cultura machista profundamente instalada.
Cunha estrutura en sketches, como é habitual en Mofa & Befa, e, por suposto, con música (desta volta, cun marcado estilo perrallas rock) PIROLÍTICOS escenifica situacións ben recoñecibles polo público, co fin de conseguir unha mellor comprensión da “Guía Rápida para unha Correcta Pirólise”.
Entrada de balde ata completar a capacidade do local. É preciso reservar entrada na Billeteira do Concello de Brión.
Espectáculo co patrocinio da Rede Cultural da Deputación da Coruña