OUTONO CULTURAL 2023 | TEATRO | A PANADARÍA - AS QUE LIMPAN
A Panadaría presenta en Brión a obra "As que limpan"
Xénero: Drama/Crítica social | Público adulto | Duración: 1 h 20 min aprox.
Creación e interpretación: Areta Bolado, Noelia Castro, Ailén Kendelman
Data: venres, 17 de novembro
Hora: 20:30 h.
Lugar: Centro Social Polivalente
SINOPSE:
Un cartel colga do manubrio do cuarto. “Por favor, arranxe o cuarto”. Ao regreso da praia, as camas feitas, as toallas limpas e o baño impoluto. Son “as que limpan”, as invisibles que cargan ás súas costas un sistema turístico que conduce á precariedade.
"As que limpan" fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hostaleiras.
Neste novo espectáculo as fundadoras da Panadaría formúlanse estas preguntas: É posible revalorizar este traballo e desligalo do xénero? Existe un turismo sostible? Quen limpa a casa da limpadora?
Hai persoas que nunca limparon un váter e hai outras que limpan cincocentos ao mes.
As que limpan non fala só de traballadoras da limpeza, fala de mulleres e do chan mollado sobre o que camiñamos cada día.
Entrada de balde ata completar a capacidade do local. É preciso reservar entrada na Billeteira do Concello de Brión.
Actividade organizada co patrocinio do programa Rede Cultural da Deputación da Coruña