Os Concellos de Brión e Ames poderán desenvolver un quinto obradoiro dual de emprego en enerxías renovables. Así o confirmou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, durante o acto de clausura do obradoiro dual de emprego Renova IV, celebrado esta mañá na Casa da Cultura de Bertamiráns. Así mesmo, asegurou que a Xunta vai atender a solicitude feita polos Concellos para que estes obradoiros teñan unha duración de 12 meses e non 9 meses como o clausurado hoxe.
Un acto presidido por Gonzalo Trenor; a xefa territorial de Emprego e Igualdade, Judit Fontela; polos alcaldes de Ames, Blas García, e de Brión, Pablo Lago; as concelleiras de Promoción Económica e Emprego de Ames, Ana Belén Paz, e de Brión, Guarina Rey; e polo director do obradoiro, Andrés Novo.
Actuacións en ambos municipios
No obradoiro Renova IV tomaron parte vinte alumnos e alumnas de Brión e Ames durante os últimos nove meses. Foi sufragado pola Consellería de Economía Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, cunha inversión de 346.946 euros, e con achegas municipais dos Concellos de Ames e Brión por valor de 87.696 euros.
O alumnado formouse en montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaica, con 1.328 horas de formación, das cales 444 foron de traballo en obra. Durante este tempo instalaron 20 paneis fotovoltaicos na EDAR do Milladoiro e outros 12 na EDAR da Ameixenda (Ames); así como 11 paneis solares no centro social Polivalente de Brión, onde se colocou ademais un sistema de enerxía aerotérmica para cubrir os gastos do inmoble en climatización. Estas tres novas instalacións supoñen un aforro de 90 toneladas de CO2 ao ano e 31 toneladas equivalentes de gasóleo.
Ademais, realizaron traballos de mantemento en oito instalacións, nas que se instalaron paneis solares a través do obradoiro Renova III. Deste xeito, realizáronse actuacións de mantemento no centro de formación de Aldea Nova, campo de fútbol de Bertamiráns, Casa da Cultura do Milladoiro, piscina de Bertamiráns, campo fútbol do Milladoiro, Centro Monte Balado de Brión, escola infantil de Brión e pavillón polideportivo de Brión.
Demanda de profesionais
“O sector das enerxías renovables está en constante expansión e no que me consta que hai demanda de bos profesionais, sobre todo á hora de adaptar as solucións as necesidades das empresas do sector agrogandeiro do noso rural”, salientou Guarina Rey, concelleira de Emprego de Brión, quen agradeceu o apoio das administracións así como ao alumnado por facer posible o desenvolvemento do Renova IV.
Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, agradeceu “o traballo das persoas que están detrás durante moito tempo formando e atendendo as alumnas e aos alumnos, previamente o traballo dos técnicos municipais que nos permiten optar a estes obradoiros e que vós poidades cursalos. Este tipo de cursos é un dos noso grandes acertos, vémolo no índice de empregabilidade que hai e no éxito que teñen. É moi importante que dende as administracións saibamos traballar conxuntamente. Non me custa traballo dicir que a Consellería de Emprego está a facer un traballo excelente con estes cursos”.
Finalmente, Gonzalo Trenor incidiu en que “os obradoiros de emprego son unhas das principais ferramentas que ten a Administración para mellorar a empregabilidade porque se centran na realización de obras e servizos de interese social, que xunto coa formación teórica e práctica que se imparte, poden favorecer a inserción laboral”.