Grupo de Goberno
É para min un pracer darche a benvida a esta nova páxina web, un espazo participativo, transparente e aberto a todos os veciños e veciñas de Brión. Queremos que esta web se converta nun lugar de encontro entre o Concello de Brión e a súa veciñanza. Un sitio no que os distintos trámites administrativos, que ata hai pouco tiñas que facer en persoa nas oficinas municipais, os poidas realizar comodamente dende a túa casa ou dende calquera parte do mundo con calquera dispositivo móbil.
A pandemia sanitaria supuxo un incremento no número de persoas que apostan polos medios telemáticos á hora de realizar os seus trámites coas distintas administracións. Pero para que isto fose posible en Brión, precisabamos dunha nova páxina, moderna e totalmente segura para as persoas usuarias. Unha páxina de fácil acceso e sinxela navegación dende calquera dispositivo.
Recoñezo que eu son un alcalde “máis analóxico” e que prefiro estar traballando na rúa, escoitando e atendendo as necesidades da veciñanza, ca nun despacho. Pero, mentres a Covid-19 non nos permita facer encontros veciñais, convídoche a que utilices tamén esta plataforma para achegarme todas as túas preocupacións, solicitudes, queixas, suxestións, avisos...
Desexo que esta páxina siga sendo un punto de información e encontro para todos os veciños e veciñas de Brión, así como unha porta aberta para todas aquelas persoas que queiran coñecer a nosa historia, cultura, natureza... Estou convencido de que, se nos coñecen a través deste sitio web, todas elas se animarán a visitarnos en persoa.
Benvidos todos e todas á vosa casa.
Pablo Lago Sanmartín
Alcalde do Concello de Brión