Accións preventivas para reducir o consumo de auga da traída municipal por risco de seca

Grifo Cerrado

Como ben sabedes estamos a atravesar unha situación hidrolóxica e meteorolóxica moi complicada que implica que os actuais caudais de auga están un 25% por debaixo dos valores habituais. Aínda que esta situación, polo de agora, non é alarmante é preciso comezar a actuar para consumir auga con responsabilidade xa que, de non remediarse cun réxime suficiente de choiva proximamente, ameaza con levarnos a un escenario difícil de cara o subministro para todas as necesidades da veciñanza.

A empresa concesionaria do Servizo de Abastecemento Municipal de Augas, Espina y Delfín, informa tamén que, especialmente nestes días, se está notando unha gran baixada do nivel da auga acumulada para o subministro e que se está vendo agravado co incremento das temperaturas.

Dende o concello queremos animar á veciñanza para que tome conciencia e que leve a cabo medidas de aforro no consumo da auga, evitando o malgasto e minimizando os usos prescindibles para poder evitar así a adopción de medidas máis drásticas, como poden ser a fixación de mínimos e incluso cortes do subministro.

Dada esta situación recoméndase que se adopten as seguintes medidas mínimas:
- Evitar o uso da auga da traída para rego de xardíns ou fincas privadas, encher piscinas, lavar establos, etc...
- Evitar calquera outro uso da auga que non sexa para beber, cociñar ou para o uso hixiénico sanitario
- Autolimitar o consumo de auga en xeral

Así mesmo por parte do concello tamén se vai realizar un control de consumos en edificios e instalacións municipais e de perdas na rede de abastecemento, para detectalas e minimizalas.


Confiamos en que pronto poidamos regresar á normalidade pero temos que estar en disposición de afrontar a prolongación deste estado excepcional en caso necesario. Así mesmo xa estamos a traballar en solucións, tanto de emerxencia como a longo prazo, para o caso de que a situación de seca sexa longa.

Seguiremos informando da situación e das medidas que sexa necesario tomar. Contamos coa colaboración de todas e todos.