Tralas limitacións impostas pola pandemia os últimos dous anos, a Carballeira de Santa Minia volveu a encherse co tradicional arrecendo a castañas asadas, churros e chocolate quente. Porque o venres 25 de novembro, coincidindo co Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, Brión celebrou o seu Magosto, unha das festas populares máis arraigadas na nosa tradición.
O grupo Lohengrin Teatro foi o encargado de iniciar o serán festivo coa representación ao aire libre na Carballeira de Sta. Minia de “Mouras”, un espectáculo que recupera historias e lendas populares para achegarnos dun xeito ameno aos personaxes míticos da nosa tradición oral.
Ás 19:00 h. o epicentro da festa mudou cara á praza da Rúa Gondar, onde a numerosa veciñanza participante, ao cuberto de dúas grandes carpas, puido degustar castañas asadas, bebida e chocolate con churros que se ofreceron de balde a todas/os as/os participantes. Tampouco faltou unha polbeira para os que quixeron prolongar o serán ata a cea.
A parte gastronómica da celebración estivo amenizada pola mellor música tradicional grazas ás dúas foliadas organizadas, infantil e adultos, onde participaron as integrantes das Escolas Municipais de Música e Danza Tradicionais.
Un ano máis, o Concello de Brión quere transmitir o seu agradecemento a toda a cidadanía por participar e converter a Festa do Magosto nun éxito. Como dicía Rosalía de Castro nun dos seus poemas: “Has de cantar,/que che hei dar zonchos*;/has de cantar, / que che hei dar moitos.” Mil grazas a todas e a todos.
*Zonchos: Colares feitos con castañas.