O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, vén de enviar á Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e á empresa Naturgy dous escritos nos que pon de manifesto a situación anacrónica do abastecemento eléctrico no municipio, que tivo a súa culminación nos cortes de subministro producidos este 31 de decembro.
Lago Sanmartín sinala que “dende hai varios meses prodúcense cortes intermitentes de subministro eléctrico en varias parroquias de Brión. Son cortes continuados e de distinta duración que impiden que a xente poida teletraballar ou estudar dende as súas vivendas, ademais de poder danar os electrodomésticos e equipos informáticos das vivendas e empresas do municipio”.
O alcalde explica que dende o Concello xa lle teñen trasladado a Naturgy queixas semellantes “sen que de momento a empresa puxera unha solución satisfactoria. Non sabemos cal será o problema pero a súa obriga é arranxalo canto antes porque aquí todos pagamos as súas cada vez máis caras facturas e temos dereito a recibir un servizo en condición. Un servizo propio do século no que estamos e non o que estamos a recibir”.
Ademais, o Concello de Brión ponse a disposición da veciñanza e tecido empresarial do municipio para canalizar todas as denuncias que poidan xurdir por mor destes cortes de subministro eléctrico tanto diante da Xunta de Galicia como de Naturgy