Abertas as inscricións na IX Andaina Terras de Altamira, que terá lugar o sábado 11 de maio sobre tres distancias: 14, 36 e 50 quilómetros

Andaina 2024
A proba será válida para as Ligas Galega e Ibérica de Sendeirismo

O salón de actos centro social polivalente de Brión acolleu na noite de onte venres a presentación oficial da IX Andaina Terras de Altamira, organizada  pola asociación O Esquío no Piñeiro en colaboración co Concello de Brión. Unha proba de 14, 26 ou 50 quilómetros que terá lugar o sábado 11 de maio e que ten abertas as inscricións en www.andainaterrasdealtamira.org ata o vindeiro 7 de maio.

Preto dun cento de persoas participaron na presentación oficial da carreira, que correu un ano máis a cargo de Diego Viaño, meteorólogo da TVG, e o actor e humorista Federico Pérez, que deron paso ás intervencións do alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín; o presidente da asociación O Esquío no Piñeiro, Marcos Delgado; o ex atleta olímpico español e representante da Federación Galega de Montañismo, Isidoro Hornillos; e o director deportivo da proba, José Manuel Trigo.

Pablo Lago desculpou a ausencia de Javier Rico, delegado do reitor da USC para o Deporte e a Igualdade, e agradeceu “a implicación e o traballo de todas as persoas que fan posible que un municipio como Brión poida acoller unha proba deste nivel, que o ano pasado contou con 670 persoas participantes”. Un punto no que tamén fixo fincapé Isidoro Hornillos: “hai que felicitar ao Concello de Brión e ao Esquío no Piñeiro por este gran traballo que están facendo, nove anos de éxitos e de facer historia no mundo do sendeirismo e que estou convencido de que continuará nesta edición, que será todo un éxito”.

De momento, xa confirmou que tanto el como Josefina Maestu, presidenta da Federación Galega de Montañismo, tomarán a saída da IX Andaina Terras de Altamira o vindeiro 11 de maio, se ben non concretou en cal distancia. “A beleza da paisaxe e dos camiños que van percorrer é enorme, polo que animo á xente a que se inscriba”, concluíu Isidoro Hornillos.

Variacións no trazado

Un percorrido que foi adiantado por Marcos Delgado, quen puntualizou que “adoitamos manter dous anos cada percorrido, mellorándoo no segundo ano e quitándolle asfalto no posible. O de 2023 gustou moito pero de entrada xa estamos obrigados a facer dous cambios: non poderemos saír da carballeira, que a temos enferma e a tratamento, polo que o punto se saída será da praza anexa a Santa Minia e haberá que ver como cruzamos a ponte de Vidaloíso: ou invadimos Ames ou invadimos Rois”, bromeou.

O percorrido dos 50 km será o seguinte: saída das proximidades da carballeira de Santa Minia con destino ás Torres de Altamira, dende onde se baixará ata percorrer parte do trazado do Camiño a Santiago da Ría de Muros Noia. Despois subirase ata o Monte Rubial e pasarase por diante de tres exemplos da riqueza patrimonial de Brión: a igrexa de San Xiao de Bastavales, o Castro Lupario e a Ponte de Paradela. Os sendeiristas empezarán entón a súa volta ao punto de partida, seguindo as beiras do río Sar e atravesando polo Tremo ata chegaren a Pedrouzos.

“Valados de pedra, carballeiras, igrexas, sendeiros... queremos que a xente desfrute e o pase ben practicando deporte. Por iso imos coidar ao máximo todos os detalles, os avituallamentos, a bolsa do sendeirista... Somos unha referencia a nivel galego e queremos seguir séndoo”, concluíu José Manuel Trigo. O director deportivo da andaina lembrou os inicios da proba: “eramos 150 ou 200 persoas nas tres primeiras edicións, froito do traballo de dous ou tres amigos que nos decatamos do interese que espertaban as saídas a facer sendeirismo por Galicia adiante, onde chegamos a levar ata tres autobuses. Na oitava edición conseguimos 670 persoas participantes, que son palabras maiores”.

Por segundo ano consecutivo, a IX Andaina Terras de Altamira será puntuable tanto para a Liga Galega de Sendeirismo da Federación Galega de Montañismo (FGM) como na Liga Ibérica da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada (FEDME), se ben dende a organización fan fincapé en que a proba non é competitiva, senón un día de festa e convivencia co deporte.

Inscricións

As inscricións están abertas dende onte venres ata o vindeiro 7 se marzo. A organización establece distintos prezos dependendo da idade e da data de inscrición. Así, as persoas maiores de 14 anos dispoñen de tres prazos de anotación:
- Do 15 ao 31 de marzo: 15 euros.
- Do 1 ao 21 de abril: 18 euros.
- Do 22 de abril ao 7 de maio: 16 euros (sen opción aos agasallos contidos na bolsa do sendeirista).

Estes prezos teñen un desconto de 2 euros para persoas que posúan licenza vixente da FGM ou da FEDME. O prezo inclúe bolsa de agasallos conmemorativos da proba, avituallamentos sólidos e líquidos, medalla de finalista e diploma conmemorativo, e acceso aos servizos de médico, ambulancia, seguro de accidente, aparcamento de balde, recollida en caso de accidente...

No caso das persoas menores de 14 anos establécense un mesmo prezo de 8 euros para dous prazos: do 15 de marzo ao 21 de abril (con dereito aos agasallos da bolsa do sendeirista) e do 22 de abril ao 7 de maio (sen dereito aos agasallos).