Cristina Capelán coñece como pequenos produtores de froitas e hortalizas elaboran e comercializan os seus produtos a través do coworking “Transformando en Brión”

Visita Coworking
A deputada de Mar e Medio Rural visitou hoxe as instalacións xunto ao alcalde de Brión, Pablo Lago, e a responsable da Asociación Maisdetres, Carmen Freire

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, visitou esta mañá a asociación Maisdetres e o coworkgin “Transformando en Brión”, dentro da súa rolda de encontros coas entidades rurais da provincia. Unha visita na que estivo acompañada polo alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, a responsable da asociación e técnica coordinadora do coworking brionés, Carmen Freire; e as concelleiras brionesas Guarina Rey, Sandy Cebral e Rosa Romero.

Capelán subliñou a "transcendencia do asociacionismo no fomento da agricultura local e de proximidade, que fomenta o produto de calidade, como demostran as actividades destas dúas entidades". Pola súa banda, Pablo Lago destacou que “desde os inicios, este centro vén aglutinando en torno a estas instalacións a un grupo cada vez máis numeroso de pequenos e pequenas produtores e produtoras de froita, horta e cereal que ven nestas cociñas a súa mellor opción para poder comercializar de xeito legal os seus produtos”.

Case 200 produtores

Así, Carme Freire sinalou que “no ano último ano fixéronse máis de 80 xornadas de acompañamento ás instalacións tanto con novas persoas interesadas no seu uso e en formar parte do proxecto como con persoas que, unha vez feita a formación, solicitan asesoramento individualizado tanto para temas relacionados coa propia transformación de alimentos como coa etiquetaxe, comercialización, emprendemento, uso de máquinas ou acceso ao propio centro, etc”.

Durante a visita todas as persoas asistentes tiveron a oportunidade de coñecer o funcionamento deste espazo de transformación compartido, que forma parte da Rede Provincial de Coworking, posta en marcha desde o Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña. O espazo brionés conta na actualidade con case 200 persoas asociadas, na súa maioría de Brión e municipios veciños (Ames, A Baña, Negreira, Padrón), pero tamén doutras comarcas como Santiago, Barbanza, Terra de Soneira e, incluso, Vigo.

Visita a granxas

Tras a visita ás instalacións de Brión, a comitiva oficial desprazouse a dúas granxas dedicadas á produción e recuperación de hortalizas autóctonas e cogomelos: unha en Brión e outra na Baña, onde estiveron acompañados polo seu alcalde, José Antonio Pereira. Precisamente a esta conservación de cogumelos cultivados e silvestres dedica Maisdetres os 5.250 euros concedidos neste exercicio pola Deputación da Coruña dentro do Programa dirixido a entidades asociativas, federacións e agrupacións de entidades agrarias, labregas e gandeiras para actividades neste 2024. En total, a Deputación da Coruña reparte 224.650 euros a través desta liña de axudas que permite apoiar aos sectores agrogandeiro e forestal, "de enorme transcendencia na economía da provincia", como destacou Capelán.

"O labor destas entidades é un traballo inmenso, xa que levan a cabo todo o proceso. Desde o sementado ao coidado, recolecta e produción final destes produtos ata distribuílos aos establecementos da zona. Mesmo apostan pola recuperación de plantacións en mal estado. Isto demostra a fundamental labor dos produtores de proximidade, chaves na garantía da calidade dos produtos locais", expresou a deputada.