O Concello de Brión convoca o seu tradicional Concurso de Disfraces de Entroido que, se ben mantén a contía en premios con respecto a anteriores edicións, rexistra moitas novidades debido á situación actual provocada pola Covid-19. A principais novidades serán o seu traslado ás redes sociais, concretamente á fan page do Concello de Brión; a restrición da participación a persoas empadroadas en Brión e o cambio dos premios en metálico por vales desconto para cambiar única e exclusivamente no comercio e nas empresas de servizos locais.
A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, explica que “para manter unha longa tradición cultural e colaborar co comercio local, decidimos convocar un concurso de disfraces que se desenvolverá de xeito virtual e, como medida de apoio ao pequeno comercio de Brión, os premios consistirán en 2.700 euros en vales de desconto que as persoas gañadoras poderán cambiar no comercio e nas empresas de servizos asentadas no noso municipio”.
Categorías
A participación neste “Entroido Brión na rede 2021” está aberta a todas as persoas empadroadas no municipio, que poden participar tanto de forma individual, en parellas ou en grupos, respectando sempre as normas ditaminadas pola Consellería de Sanidade para paliar a expansión da Covid-19. Isto tradúcese en que as persoas integrantes nas parellas e grupos deberán ser obrigatoriamente residentes no mesmo domicilio.
Premiaranse tres categorías: infantil/xuvenil (ata 17 anos), adultos (+18 anos) e grupos. As dúas primeiras categorías terán modalidade individual e de parellas, mentres que para as tres haberá tres premios para fotografías e outros tres para vídeos. Soamente se admitirá un vídeo ou fotografía da mesma persoa por categoría (é dicir, unha persoa pode participar nunha categoría individual pero pode facelo tamén en grupo).
As fotografías deberán ter unha resolución axeitada e os vídeos non poderán exceder do minuto. O prazo de inscrición ábrese hoxe venres 12 de febreiro ata o mércores 17 de febreiro. Para participar só é preciso enviar ao mail casaculturabrion@gmail.com a fotografía ou vídeo do disfrace, a folla de inscrición correctamente cuberta e a folla de autorización ao Concello de Brión para publicar as imaxes na súa páxina de Facebook. Estes documentos poden descargarse da web municipal e do Facebook de Brión.
O 18 de febreiro, o Facebook oficial do Concello de Brión publicará todas as fotografías e vídeos recibidos. Dende ese momento, e ata as 12:00 horas do 22 de febreiro, estará aberto o período de votación onde a veciñanza poderá escoller aos mellores disfraces dándolles “góstame” no perfil oficial do Concello de Brión. O nome das persoas gañadoras darase a coñecer ese mesmo 22 de febreiro.
O importe total dos premios ascende a 2.700 euros en vales desconto que as persoas gañadoras poderán cambiar no comercio e nas empresas de servizos asentadas en Brión. En ningún caso se poderán cambiar os vales polo seu valor en metálico e as persoas gañadoras terán ata o 30 de xuño para trocaren os vales no establecemento que decidan.