Unha consultora externa ao Concello está a estudar a documentación achegada por Augas de Galicia para determinar a afección do proxecto e determinar as alegacións que sexa preciso presentar.
O Concello de Brión organizará unha xornada informativa aberta á veciñanza na que técnicos especializados explicarán o contido do proxecto da central hidráulica reversible do Tambre que tramita a Xunta de Galicia, como pode afectar aos seus dereitos e as alegacións que poderían presentar. Unha reunión que terá lugar o xoves 16 de febreiro no local social de Cornanda en dúas convocatorias: ás 16:00 horas e ás 20:30 horas, para así facilitar o acceso de todos os veciños e veciñas que o desexen. De feito, a primeira convocatoria está pensada especialmente para que os gandeiros e gandeiras da zona poidan asistir e non interferir no seu traballo diario.
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, explica: “encargámoslle a unha empresa especializada unha análise detallada da documentación achegada por Augas de Galicia para que faga un informe sobre como pode afectar ese proxecto aos veciños e ao Concello de Brión. A nosa intención é presentar esa información á veciñanza na reunión da próxima semana en Cornanda e que sexan técnicos especializados os que os informen e respondan ás súas dúbidas, non persoas que non teñen os coñecementos necesarios e so andan metendo ruído para sacar réditos políticos”.
“Unha vez que teñamos este informe técnico saberemos como poden afectar realmente eses proxectos aos veciños e poderemos determinar tamén as alegacións que teña que presentar, no seu caso, polo Concello de Brión”, apunta Pablo Lago, quen adianta: “proporémoslles aos veciños e veciñas crear unha Comisión de Seguimento, na que estarán representados e poderán estar permanentemente informados de todos os pasos que se vaian dando”.
A documentación técnica está accesible aos veciños nas dependencias do Concello de Brión, ao igual que nos de Negreira, Lousame, Rois e Noia, así como nas instalacións de Augas de Galicia en Compostela, dende este luns, data na que foi remitida pola Xunta de Galicia. A maiores, o Concello de Brión ofrecerá á veciñanza un servizo de asesoramento técnico baixo demanda, que será prestado por especialistas de Estudio Técnico Gallego. Os técnicos resolverán as dúbidas que teñan as persoas que soliciten este servizo e, de ser o caso, as asesorarán na redacción e presentación das alegacións que desexen. O servizo estará dispoñible ata o 3 de marzo, data na que remata o prazo de presentación de alegacións.
Accións realizadas
O Concello de Brión recibiu este luns 6 de febreiro toda a documentación técnica achegada polos participantes no concurso do proxecto da central hidráulica reversible do Tambre, remitida por Augas de Galicia tras a publicación no BOP do anuncio da apertura do trámite de información pública das solicitudes. Ao carecer de enxeñeiro municipal, o martes 7 de febreiro o Concello de Brión encargoulle a Estudio Técnico Gallego a análise detallada da documentación, traballo que terá listo a próxima semana.
Por outra banda, o departamento de Urbanismo do Concello de Brión traballa xa no informe solicitado esta semana por Augas de Galicia sobre a compatibilidade do proxecto cos usos do solo e o ordenamento urbanístico vixente. Un traballo para o que o Concello de Brión conta cun prazo máximo dun mes.
Finalmente, o Concello de Brión lembra que é Augas de Galicia o organismo que está a tramitar este proxecto, non o Concello de Brión. Así mesmo, recorda que non dispuxo de ningún dato técnico, nin orzamentario nin de localización exacta do proxecto ata a remisión da documentación correspondente por parte de Augas de Galicia o pasado 6 de febreiro. Un mes antes, representantes de Green Capital Power puxéronse en contacto cos Concellos de Brión, Negreira, Lousame e Rois para comunicar que estaban a tramitar o documento inicial desta iniciativa, emprazándose para unha segunda reunión máis adiante no caso de conseguiren as autorizacións sectoriais precisas.
“Todos os concellos, non só Brión, recibimos ao longo do ano a centos de persoas que nos veñen presentar proxectos, ideas e propostas de negocios de todas as dimensións posibles e na súa gran maioría rematan na nada, ben porque o emprendedor desiste da iniciativa ou porque non consigue os permisos ou a financiación necesarias. Por iso dixen que sabía que había unha proposta de facer esa central hidráulica reversible, pero que non era nin é o momento de posicionarse sobre algo que aínda descoñecemos en detalle”, explica Pablo Lago, quen lembra que “cando se teñen responsabilidades de Goberno, hai que tomar as decisións de acordo coa lexislación e os informes dos técnicos. Así llo estamos transmitindo aos veciños e a próxima semana os informaremos con todos os datos na man, para tomar as decisións en base a información verídica e non en base a especulacións e manipulacións interesadas froito da proximidade das eleccións”.