Brión abre a inscrición nos cursos formativos necesarios para usar as cociñas do espazo colaborativo "Transformando en Brión"

Brión abre a inscrición nos cursos formativos necesarios para usar as cociñas do espazo colaborativo "Transformando en Brión"
Son tres cursos gratuítos e teñen unha duración de setenta horas

O Concello de Brión retoma a súa oferta formativa no espazo de traballo colaborativo “Transformando en Brión”, posto en marcha no centro comercial de Monte Balado en colaboración coa Deputación da Coruña e o GDR Terras de Compostela.

Trátase de tres cursos gratuítos pero de obrigada realización para todas aquelas persoas, ben de Brión ben de concellos da contorna, que queiran sumarse ao proxecto e empregar as cociñas do espazo colaborativo brionés para a transformación de produtos do sector primario.

Eses tres cursos que deberán cursar durante unhas 70 horas son: “Hixiene e manipulación de alimentos”, “Prevención de riscos na cociña” e “Uso do equipamento das cociñas”.

“Comezaremos en cando haxa un grupo de 10 persoas inscritas e entón decidiremos con elas o horario das clases, de acordo coas súas preferencias e a dispoñibilidade das instalacións”, explica Dora Vieiro, responsable do centro, quen fai fincapé en non confundir este cursos cos necesarios para obter o carné de manipulador de alimentos: “nos próximos meses organizaremos outros cursos, tanto para obter o carné de manipulador de alimentos como de prevención de riscos laborais, que serán os sábados e cunha parte on-line. Pero estes tres cursos que convocamos agora son a formación básica para poder utilizar as cociñas do espazo colaborativo”.

As persoas interesadas en sumarse a esta actividade ou que desexen máis información poden chamar ao 981 509 908 (en horario de 9:00 a 14:00 horas) ou enviar un mail a actividadesbrion@gmail.com . Os cursos están organizados polo Concello de Brión e Daquí Darredor, a asociación sen ánimo de lucro da que forman parte as persoas vinculadas a este proxecto colaborativo.

Durante o seu primeiro ano en marcha, é dicir, entre xaneiro e decembro de 2020, no espazo colaborativo “Transformando en Brión” impartíronse 27 cursos de formación, o que supuxo máis de 500 horas lectivas nas que participaron máis de 400 persoas. Unha formación que se complementou con catro visitas formativas e 80 xornadas de acompañamento ás instalacións de Monte Balado.