O Concello de Brión convoca dous cursos de informática en liña, de Word e Excel, e seis obradoiros dixitais para os meses marzo e abril. En todos os casos, as inscricións poderán realizarse ata unha semana antes do inicio do curso na Aula CeMIT ben por teléfono, 981 50 99 08 (martes e xoves, de 10:00 a 13:00 horas) ben no mail cemit.brion@outlook.com (achegando datos persoais e nome do curso ou do obradoiro).
Os dous cursos básicos de manexo dos programas Word e Excel terán unha duración de 40 horas e un prezo de 50 euros cada un. Por mor das restricións da Covid-19, este ano os cursos terán lugar en liña, e non presenciais, durante os meses de marzo e abril, con titorías por videoconferencia. O Concello de Brión dará a posibilidade de obter un certificado do curso previa superación dun exame.
Duplica os obradoiros
No que atinxe aos obradoiros dixitais, a boa resposta da veciñanza durante o ano 2020 fai que o Concello de Brión opte por duplicar esta oferta formativa gratuíta. Trátase de pequenos obradoiros para aprender o manexo de tecnoloxías e programas moi concretos: certificado dixital, zoom, seguridade social, sede electrónica, SEPE e Chave 365. A duración é de 2 horas por obradoiro, que contará con titorías por videoconferencia os martes e xoves, previa solicitude da mesma por correo electrónico.