O monte constitúe un patrimonio esencial para o desenvolvemento sustentable de Galicia, onde os terreos de monte constitúen máis do 65% da súa superficie e onde integrados con eles hai 313 concellos cuns 31.550 núcleos de poboación. Mais o importante valor que o monte desempeña para a nosa sociedade no seu conxunto vén sendo ameazado pola propagación de incendios forestais, afectando á súa riqueza ambiental e paisaxística e ás actividades agroforestais que se desenvolven nel.
Esta situación débenos facer conscientes de que os incendios forestais no medio rural constitúen unha grave ameaza para calquera política de desenvolvemento rural, ademais e comprometer a sustentabilidade económica e social de Galicia.
Os terreos forestais e as súas zonas de influencia teñen unha configuración específica que dificulta a súa protección contra os incendios forestais; entre outras, estas características son a fragmentación da propiedade, o desequilibrio entre zonas, o abandono da agricultura, a gandaría extensiva sen control e a progresiva transformación das parcelas agrícolas fragmentadas en terreos de monte, o que deu lugar a unha progresiva desorde do territorio incrementando a ameaza derivada dun incendio forestal.
O Estatuto de autonomía de Galicia no artigo 27.10 e a Constitución de 1978 nos artigos 148.1.8 e 149.1.23 determinan o marco normativo xeral de referencia en materia de prevención e incendios forestais. A Lei 43/2003, de 21 de novembro, de montes, atribúe á Comunidade Autónoma a facultade para desenvolver os aspectos de defensa contra incendios forestais dotando dun marco regulador lexislativo que contribúe a fortalecer a seguridade xurídica das administracións públicas galegas e dos cidadáns na prevención e defensa contra os incendios forestais.
A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ten por obxecto establecer o marco normativo dos montes e terreos forestais existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, e será aplicable a todos os montes ou terreos forestais do territorio.
A Lei 3/2007,do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, estrutura o planeamento de defensa do espazo rural fronte aos incendios forestais, en varios niveis: galego, de distrito, municipal e inframunicipal. No seu artigo 7 atribúe a competencia dos concellos de elaborar e aprobar os plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, adoptar as medidas de prevención de incendios forestais que lles correspondan en terreos que lles sexan da súa titularidade, ordenar a execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa vexetal nas condicións precisas que eviten os incendios, e de forma máis concreta a ordenación e execución subsidiaria da xestión da biomasa, así coma o deber de xestionar as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa e as faixas laterais das redes viarias da súa titularidade.
Neste marco, o planeamento a nivel municipal integrará nos plans de emerxencias municipais as actuacións de prevención e defensa contra os incendios forestais, con arranxo ó previsto na lexislación galega de emerxencias, sendo a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, a Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia (Platerga) e o Plan especial de protección civil ante emerxencias por incendios forestais na Comunidade Autónoma de Galicia (Peifoga).
** Os planos poden conten erros, para calquera aclaración poden poñerse en contacto co Concello de Brión no Tl. 981887006