05-09-2021
     
As 12:00 horas
Carballeira de Santa Minia. Brión

A EIRA DO PAPORRUBIO

O vindeiro 5 de setembro a rapazada de Brión poderá asistir ao espectáculo A eira do Paporrubio da compañía Urdime, que chega a Brión a través do programa de dinamización lingüística Falaredes da Xunta de Galicia.

É un espectáculo-obradoiro de xogos, monicreques, música e tradición oral para familias con rapaces maiores de dous anos.

A eira do paporrubio desenvólvese nun espazo soñador e máxico onde conviven animais domésticos e non tan domésticos, que serán os protagonistas das fábulas.

As galiñas andan esfameadas agardando polo millo que celosamente coida o espantallo. O ratiño coñece o lugar secreto onde se gardan os mellores queixos. A raposa anda axexando un despiste do can de palleiro, que é o encargado de poñer orde nesta rebuldeira eira. Na aldea dos paxaros hai sempre cantos, bailes e contos. O boi marelo sempre anda a presumir dos seus cornos, a ra de santón come un día si e outro non e os lagartos pasan o día a tomar o sol mentres os sapoconchos andan ás carreiras.

Soa un acordeón… o paporrubio sae da súa casa cos zocos de bailar. Nenos e nenas, benvidos ao espectáculo!

O proxecto, desenvolvido por Luchi Iglesias e Carlos Quintá dentro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21, mestura música e xogos tradicionais con outros de creación propia que farán que os nenos e nenas gocen dunha divertida xornada descubrindo os segredos e costumes da vida na eira.

Fecha Fin
2021-09-05
Documentos