O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe en Brión o apoio da Xunta ao funcionamento dos 29 Grupos de Emerxencias Supramunipais (GES) e os 4 servizos municipais de emerxencias da comunidade, cunha achega este ano de 4,8 millóns de euros, o que supón a metade do seu custo total anual. Así o destacou na súa visita aos efectivos do GES de Brión, do que o Goberno galego financia tamén a metade do seu custo con 280.000 euros anuais.
Unha visita na que estivo acompañado polo alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e no que asistiron á presentación oficial da nova autoescada comprada polo Concello brionés para o GES. “Un vehículo que polas súas características e equipamento, vai marcar un antes e un despois nas intervencións do Grupo de Emerxencias Supramunicipal”, destacou o rexedor brionés, pois “está especialmente preparado para actuacións en altura, equiparable ao existente en calquera parque de bombeiros. Isto suporá un aumento da seguridade dos nosos veciños, pois agora poderemos actuar en calquera emerxencia que se produza nun edificio da contorna. Ademais, esta nova auto-escada suporá tamén unha maior seguridade nas condicións de traballo dos nosos técnicos”.
O alcalde brionés agradeceu publicamente o compromiso do vicepresidente da Xunta con Brión, “que se traducirá na incorporación dun novo equipo de excarceración para o GES e dun novo coche para a nosa Policía Local”. Ademais, o vicepresidente tivo ocasión de ver sobre o terreo a necesidade de ampliar as actuais instalacións do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Brión.
Financiamento dos GES
O vicepresidente primeiro da Xunta reafirmou o compromiso da Xunta para continuar a apoiar aos servizos de emerxencia da comunidade coa dotación de equipamento, como se demostra cos máis de 20 millóns de euros cedidos nos últimos anos aos concellos en material para os GES e as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC).
Na súa visita, incidiu en que os GES son precisamente un exemplo de cooperación entre administración nun ámbito tan importante como as emerxencias. A colaboración da Xunta co concello de Brión inclúe outras actuacións en infraestruturas municipais e melloras ambientais que supuxeron nos últimos anos un investimento de máis de 1,1 millóns de euros. Así, resaltou o apoio do Goberno galego a iniciativas dos concellos que permitan mellorar a calidade de vida dos seus veciños e puxo tamén como exemplo de colaboración entre os propios municipios para reducir custos á Mancomunidade de concellos da Serra do Barbanza, da que forma parte Brión. A Xunta financiou parte do seus gastos funcionamentos e o equipamento necesario para o complexo medioambiental da Serra do Barbanza, designado á xestión integral dos residuos dos concellos mancomunidade que comparten este servizo.