Unha celebración cun amplo programa que inclúe as presentacións en Ponte Maceira do libro "A Batalla de Altamira", escrito por Mercedes Vázquez e María Pilar Rodríguez da empresa Dehistoria, os traballos de investigación que se están levando a cabo para a elaboración do plan director das Torres de Altamira, unha ruta histórica, a representación da batalla a cargo do grupo Os Quinquilláns e un concerto de Baiuca.
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, destaca que esta iniciativa "vai permitir conmemorar un importante episodio da nosa historia que moitas persoas descoñecen ou teñen algo esquecido, pero que foi fundamental non so para a comarca da Maía senón para toda Galicia. Lamentamos que a pandemia nos obrigue a ter un programa diferente ao inicialmente pensado, cunha maior participación das xentes de Brión e de Ames, pero a situación sanitaria impídeo". Así mesmo, o rexedor brionés agradeceu o traballo que está a realizar a Deputación da Coruña co Plan Director das Torres de Altamira, "que estamos seguros de que servirá para poñer en valor un dos emblemas deste municipio".
Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, destaca que "a batalla de Altamira é un dos fitos históricos máis singulares dos acontecidos na Maía, e o seu rescate e celebración é importante para poñer en valor a historia de Ames e Brión. Así como un motivo destacado para celebrar un evento cultural e lúdico".
Tamén o concelleiro de Turismo de Ames, Manuel Lens fai fincapé na relevancia histórica dos feitos que se conmemoran, a Batalla de Altamira, que aconteceu o 13 de xuño de hai 550 anos e que, segundo apunta, "marcou un antes e un despois na historia de Galicia. Non foi só unha batalla entre os señores de Altamira e o Arcebispado de Santiago, foi unha pelexa entre o poder establecido as novas casas señoriais que querían impoñer as súas condicións" e sinala puntos de interese no concello de Ames como "Augapesada, o lugar onde se reuniron os aliados dos Moscoso e Ponte Maceira, onde as tropas de Fonseca II agardaban ós reforzos que lle chegaban os Moscoso dende a Costa da Morte e onde se produciu un forte enfrontamento".
O responsábel de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luís Penas, destaca que "será a primeira festa histórica e ten vocación dun encontro participativo e colectivo". "Queremos que esta festa sexa o inicio da conmemoración anual dun acontecemento histórico e tamén a posta en valor dun monumento que forma parte do patrimonio da Deputación da Coruña e queremos que sexa vivido e sentido como propio por toda a veciñanza da comarca e tamén polas persoas que queiran achegarse e participar neste encontro que quere recuperar a nosa memoria histórica", sinala o deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas que lembra que, ao tempo, estase a avanzar nos traballos previos para a elaboración do Plan Director do monumento, investigando no propio territorio e deseñando propostas para converter as Torres de Altamira nun lugar de referencia patrimonial da Maía e da recuperación da historia galega.
Dúas xornadas festivas cheas de actividades
Os días 12 e 13 de xuño desenvolveranse os actos do programa "Altamira Brilla", unha festa que estaba deseñada para o pasado ano e que tivo que ser adiada pola pandemia. O aprazamento supuxo tamén que a festa que conmemorará a Batalla de Altamira pasase a celebrarse neste ano en que se celebran o 550 aniversario deste acontecemento histórico.
As conmemoracións iniciaranse o sábado 12 cun acto que terá lugar no lugar de Ponte Maceira (Ames) en que se presentarán as investigacións e os avances nos traballos para a elaboración do plan director das Torres de Altamira nunha sesión en que intervirá o arquitecto Mario Crecente e as historiadoras Mercedes Vázquez e Mª Pilar Rodríguez, autoras do libro "A batalla de Altamira" ademais do deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luís Penas e representantes dos concellos de Brión e Ames.
Pola tarde, terá lugar unha ruta polos escenarios da batalla en territorio dos concellos de Ames e Brión para o que fará falta reserva previa.
Festa o 13 de xuño, día da Batalla
O día da festa grande será o 13 de xuño cunha xornada que comezará a partir das 19:15 h., cando saian os autobuses cara as Torres de Altamira ás que non se permitirá acceder con vehículos particulares.
A recreación teatral por parte da compañía Os Quinquilláns da batalla de Altamira dará inicio ao programa artístico que se completará co concerto de Baiuca e que incluirá tamén proxeccións de luz e imaxes sobre o propio monumento. Os asistentes recibirán como agasallo o libro sobre a Batalla de Altamira. O fin de festa, que incluirá petiscos a cargo da organización, será arredor das 23:00 h. en que está previsto o regreso dos transportes ata a Carballeira de Santa Minia.
Conmemoración histórica
Foi precisamente o día 13 de xuño de 1471, hai agora 550 anos, en que aconteceu a grande batalla que tivo lugar ao pé das Torres de Altamira, un monumento considerado Ben de Interese Cultural e situado nun espazo privilexiado que o converte en magnífico miradoiro sobre o Val da Maía. Construídas no século IX, as Torres de Altamira foron derrubadas no século XIV e reconstruídas en 1471.
Posibelmente un incendio no século XVIII contribuiría á deterioración do ben que a finais do século XIX foi utilizado como "canteira" para a construción. A Deputación da Coruña mercou a propiedade en 1973 iniciando obras de limpeza e consolidación dos restos da fortaleza da que hoxe só fican en pé restos da muralla e da base dunha das torres ademais dalgunhas ventás con arcos da reconstrución de 1471.