Brión acolle unha exposición de 35 cadros e esculturas do XVI Encontro coa Arte: Lembrando a Francisco Fernández del Riego

Imaxe de asistentes ao acto de inauguración da exposición do Encontro coa Arte
Lembranza a Jaime Galdeano Moreno e Ricardo de Arce Bilbao, artistas que participaran en edicións anteriores e que faleceron este ano.

A sala municipal de exposición de Brión acollerá durante as próximas semanas unha exposición de 35 cadros e esculturas doadas polos artistas participantes no XVI Encontro coa Arte: Lembrando a Francisco Fernández del Riego, celebrado o pasado ano 2024. Unha mostra que foi inaugurada esta fin de semana pola concelleira de Cultura, Sandy Cebral, durante a celebración da edición actual do Encontro coa Arte.

Un acto que comezou cunha emotiva lembranza aos artistas Jaime Galdeano Moreno e Ricardo de Arce Bilbao, que participaran en edicións anteriores do Encontro coa Arte e que faleceron durante este último ano. “A súa pegada quedará indeleble en Brión, tanto no noso recordo como tamén pola obra que deixaron”, explicou Alberto Álvarez, técnico municipal de Cultura. Jaime Galdeano participara por última vez na edición de 2020, na que coincidiu con Ricardo de Arce, quen repetiría tamén en 2022.

A exposición conta cun total de 35 pezas elaboradas por artistas como África de la Llave, Alba Roqueta, Ángel Contreras, Antón Sobral, Camilo Seira, Carmen Hermo, Frutos Casado de Lucas, José A. Regidor, José Galarzo, Laureano Vidal, Manuel Alpañes, María Carmen Martínez, María Manuela, María Xesús Díaz, Paco Casal, Ricardo Rilo, Siro, Tino Canicoba, Veiras Manteiga, Xosé Vázquez Castro e Xosé Vizoso.

Pola súa banda, Sandy Cebral, Concelleira de Cultura, desculpou a ausencia do alcalde, Pablo Lago, por un problema de saúde, e puxo en valor o traballo do Departamento de Cultura que “plasmouse nun atractivo e completo programa de actividades para que desfrutedes ao máximo destes tres días de convivencia e intercambio artístico”.