A nova edición do FEGATEATRO de Brión terá lugar os sábados 6, 20 e 27 de abril ; 5, 19 e 26 de outubro e o 9 de novembro. En breve informaremos da programación completa.
“FegaTeatro” é un ciclo de teatro amador organizado pola FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) que, una vez máis, propón ao público brionés varias funcións teatrais distribuídas ao longo do ano, procurando manter a periodicidade das mesmas. O ciclo pretende crear unha oferta cultural sólida arredor das artes escénicas que contribúa á creación de novos públicos mediante unha programación estable e axeitada ás demandas de cada localidade.
O Alcalde de Brión, Pablo Lago, acaba de asinar un novo acordo coa presidenta da FEGATEA, Chelo Pampillón, para celebrar no municipio durante os próximos meses unha nova xeira do ciclo “FegaTeatro”. Nesta proposta cultural participarán grupos de teatro asociados que presentarán as súas mellores montaxes, entre as que os técnicos encargados da programación cultural poderán escoller aquelas que se adapten mellor as súas necesidades de programación.
FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado)
A Federación Galega de Teatro Afeccionado está constituída a día de hoxe por 56 grupos de teatro das catro provincias galegas, que suman máis de 700 integrantes. A FEGATEA conforma a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose ano tras ano como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega a través das artes escénicas.
Ao longo dos seus 23 anos de historia, a FEGATEA foi ampliando e consolidando un espazo propio para o teatro afeccionado galego, algo do que dan fe as diferentes actividades que organiza e outras nas que colabora ou participa.
Un labor que foi recoñecido a nivel estatal pola Federación Valenciana de Teatro co “Premio Tablas 2012” e tamén co “Premio da Federación de Teatro Aficionado de Castilla y León” no ano 2016. No mes de decembro do 2020 foille concedido pola Xunta de Galicia o “Premio da Cultura Galega” na categoría de Artes Escénicas.