Un total de 21 veciñas e veciños de Brión, todos maiores de sesenta anos, participarán os xoves de xullo nas actividades de reencontro organizadas polo Concello de Brión. O alcalde brionés, Pablo Lago Sanmartín, e a concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero, foron os encargados de darlles a benvida no centro social polivalente.
“A nosa intención é que estas xornadas sirvan para que os nosos maiores se volvan encontrar entre eles e cos monitores despois dun ano coas actividades paralizadas pola Covid-19”, explica Rosa Romero, “e que isto serva tamén para ver a posibilidade de reiniciar os obradoiros de memoria, artesanía, ximnasia.... o vindeiro mes de outubro”.
Obradoiros e visitas
Os maiores brioneses participarán en catro xornadas de verán, que terán lugar todos os xoves, en horario de 10:00 a 12:00 horas. As actividades levaranse a cabo coa adopción de todas as medidas sanitarias, entre elas a división dos participantes en pequenos grupos de seis ou sete persoas.
Para este xoves, 8 de xullo, está previsto a realización dun obradoiro de artesanía. Se o tempo o permite, o xoves 15 farán unha andaina pola contorna de Pedrouzos, guiados polo técnico de Deportes, José M. Trigo. Para o xoves 22 de xullo queda un obradoiro de elaboración de tortas e, como peche final da iniciativa, o xoves 29 haberá unha visita ao Pazo do Faramello.