Comezan as obras de reparación do aglomerado de tres urbanizacións e sete estradas municipais de Brión, que se prolongarán durante dúas semanas

Urbanización Balado
Concello de Brión e Ponciano Nieto SL acordaron a realización destes traballos, sen coste algún para o municipio, ante o deterioro do firme debido a problemas puntuais coa empresa subministradora do betún

A empresa Construcciones Ponciano Nieto SL vén de iniciar as obras de reparación do asfalto de tres urbanizacións e sete estradas municipais en Brión, debido ao deterioro xurdido en varias zonas tras a execución do proxecto “Camiño de Amañecida ata a Graña e outros”. Unha actuación que se desenvolverá durante as dúas próximas semanas e que non terá ningún coste adicional para o Concello de Brión, xa que se desenvolverán con cargo á garantía ofrecida pola empresa durante o proceso de licitación da obra, que supuxo un investimento de máis de 750.000 euros.

Así o acordaron o alcalde do Concello de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e o xerente de Construcciones Ponciano Nieto SL, Diego Nieto Barreiro, tras comprobar sobre o terreo o deterioro da capa asfáltica xurdida nalgunhas das zonas aglomeradas en quente a finais de 2021. Tras analizar o aglomerado, os técnicos de Ponciano Nieto SL confirmaron que os problemas detectados nalgúns puntos da obra teñen a súa orixe nun problema puntual coa empresa subministradora do betún, que afectou á composición química do aglomerado aplicado nalgunhas zonas.

Pablo Lago sinala que “estamos falando dunha das actuacións máis importantes que se teñen realizado nos últimos anos para a mellora da rede viaria municipal en aglomerado en quente, polo que agradecemos a boa disposición de Ponciano Nieto para garantir que a actuación quedará nas mellores condicións e sen custe ningún para o Concello de Brión”. Así mesmo, o alcalde brionés aproveita para pedir desculpas á veciñanza polas pequenas afeccións ao tráfico que poden producirse durante as dúas próximas semanas debido á execución das obras de reparación.

Actuacións a realizar

Os traballos a acometer terán lugar nas urbanizacións Monte Devesa, Agronovo e Monte Balado, así como ao longo de doce quilómetros de sete pistas municipais: camiño de Amañecida ata A Graña (nas parroquias de Luaña e Cornanda), camiño da estrada xeral en Gundín ata Saíme, pasando por Cabanas e Gontade (Os Ánxeles e Bastavales); camiño da travesía de Liñares-Casal ata Tembra-Cantelar (Brión e Boullón); da AC-300 ao Santo Arandel e o límite con Teo (Bastavales); da estrada xeral ata o cruce da estrada da Deputación (Bastavales); e camiño da AC-300 ata o acceso a Guisande (Os Ánxeles).

As actuacións consistirán na reparación daquelas zonas puntuais onde a capa asfáltica se ten deteriorado máis rápido. Nalgunhas áreas fresarase e volverase asfaltar, mentres que naquelas zonas que presenten fochancas procederase tamén a sanear por debaixo da estrada. Finalmente, naqueles lugares onde o desgaste é superficial, selarase con regos asfálticos.