Francisco Antonio Vidal Blanco recibe o III Premio Laudamuco para textos Teatrais

Francisco A. Vidal Blanco xunto ao busto de Roberto Vidal Bolaño
O escritor acada o galardón pola obra “A vinganza de Fortimbrás”

O coruñés Francisco Antonio Vidal Blanco (Ribeira, 1957) recolleu o pasado 16 de maio en Brión o III Premio Laudamuco para textos teatrais pola obra “A vinganza de Fortimbrás”, que lle foi entregado pola concelleira de Cultura Sandy Cebral Gómez. Un galardón convocado polo Concello de Brión en colaboración coa Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas e que está dotado dun premio de 7.000 euros, a edición da obra por parte de Edicións Positivas e unha figura conmemorativa elaborada por Xosé Vizoso.

O gañador agradeceu “o celo posto na edición por parte de Edicións Positivas e a maiúscula sensibilidade coa cultura do Concello de Brión, tendo en conta ademais a data de entrega. Non só pola conmemoración da posta en escena do Laudamuco, senón tamén por preceder á celebración do 17 de maio, Día das Letras, e o 18 de maio, o Día das Irmandades da Fala. Porque letras e fala son os piares do teatro e do idioma”. Vidal Blanco tamén tivo palabras para “lembrar a todos os profesionais das artes escénicas, que non están a pasar polo seu mellor momento, e aproveito para aplaudir tantas iniciativas de apoio e solidariedade que vimos ao longo de todo este tempo de pandemia”.

Sobre “A vinganza de Fortimbrás”, Vidal Blanco explicou que “escribín este libro inspirado nas tramas case invisibles do Hamlet de Shakespeare. A obra obrigoume a tomar partido e envolverme en pequenos detalles que noutras lecturas puideron quedar desapercibidos. Gustaríame, pois, que entendésedes que esta obra é unha relectura da famosa traxedia”, puntualizando que na obra “non hai personaxes principais e secundarios”. De feito, actores do Teatro de Cámara Ditea, acompañados polo presentador do acto e técnico de Cultura de Brión, Alberto Álvarez, puxeron en escena algunhas partes do libro diante da trintena de persoas presentes na sala de exposicións de Brión.

Máis de 150 textos

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Sandy Cebral Gómez, puxo en valor que o Laudamuco sexa o premio de maior dotación económica do teatro galego actual. “Asegúrovos que para un pequeno Concello como Brión é un desembolso importante. Pero, o propio Roberto Vidal Bolaño, persoa á que está dedicado este galardón, recoñeceu que á maioría dos premios aos que se presentou foi por razóns económicas. Porén, Roberto si recoñecía terlle un especial cariño a un deses premios: o Abrentes de Ribadavia. E sabedes por que obra o levou? Precisamente por Laudamuco, señor de ningures. Incluso chegou a dicir que ‘se non gañara aquel premio, probablemente non escribiría máis’. De aí a importancia deste tipo de certames”.

Así, Sandy Cebral salientou que “esta terceira edición do Premio Laudamuco sacou á luz 47 obras teatrais en galego. Nestes tres anos, e a pesar desta pandemia, fomos quen de fomentar a redacción de case 150 pezas teatrais orixinais en galego. Como di o xurado na súa acta final: é de supoñer que Roberto Vidal Bolaño estaría compracido”.

Finalmente, a concelleira de Cultura desexoulle a Francisco Antonio Vidal Blanco que “A vinganza de Fortimbrás” siga o camiño de éxitos dos seus predecesores. Neste sentido explicou que onte mesmo, a obra gañadora do II Premio Laudamuco, “Só un home bo”, de Raúl Dans, foi distinguida co Premio Follas Novas na categoría de teatro. Así mesmo, “Na miña alma ouvea un lobo”, de Xavier Lama, gañadora do I Premio Laudamuco, se facía co Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de teatro de 2019.

Importancia da obra

Francisco Macías, director de Edicións Positivas, non puido asistir ao acto, polo que enviou unha mensaxe gravada na que felicitaba a Francisco Antonio Vidal e reivindicaba “a literatura dramática como un dos xéneros máis importantes de Galicia. Onte, Raúl Dans levaba o Follas Novas. O ano pasado, Xavier Lama facía o propio co Fervenzas Literarias. Estamos vendo que o Laudamuco é xa un referente na literatura galega”.

Un punto no que incidiu Manuel Guede Oliva, que falou en representación do xurado e da Academia Galega de Teatro, destacando que o Laudamuco “é unha especie de percutor para o recoñecemento dos textos teatrais. Algo debemos estar facendo ben”. Así mesmo, tivo un recoñecemento especial para unha xeración que leva máis de 43 anos facendo teatro “nuns tempos nos que dar un paso adiante era afoutado. Pero desa xeración xurdiu o Centro Dramático Galego, despois o IGAEM, a Escola Superior de Arte Dramático, a Academia Galega de Teatro… Esa xeración que tamén puxo en marcha o premio Laudamuco. Algo estaremos a facer ben”.

O xurado, formado por Pilar López Pérez, Xoana Balado Fernández, Gonzalo Rodríguez Calvo, Xulio Lago Alonso e Manuel Guede Oliva, escolleu por unanimidade o texto titulado “A vinganza de Fortimbrás” entre os 47 presentados este ano ao certame.  O xurado destacou que  este libro é “unha precuela que vén a dialogar co mito hamletiano e no que o autor rearma a historia shakesperiana, como antes fixera Álvaro Cunqueiro, propoñendo unha relectura na que os personaxes secundarios do drama orixinal pasan aquí a se converter en protagónicos, nun xiro de guión sorprendente e enriquecedor e no que é  fácil percibir o amplo coñecemento por parte do autor ou autora da estrutura interna da obra de Shakespeare e no que Elsinor comparece como un espazo para abrigar novas hipóteses e traelas, de novo, a nós”.

O xurado salientou “o uso da lingua, eficaz e diáfana, a axilidade dos diálogos, sempre en progresión, e unha sabia construción da andamiaxe teatral na que se adiviña o pulso de alguén que coñece os interiores da escrita dramática. Vinganza, sexo e poder son tres das forzas principais que están presentes na acción e que mobilizan unha inquietante galería de personaxes, presentes uns,  ausentes moitos outros, mais  posuidores todos eles  dun alto interese dramático; definitivamente, interesantes modelos nos que habitan as luces e as sombras dos comportamentos humanos”.

Gañadores

 Francisco Antonio Vidal Blanco (Palmeira, Ribeira, 1957) é escritor e etnógrafo. Desde 1977 colabora con distintos medios xornalísticos con artigos de temática variada, desde a etnografía ata a ciencia: A Nosa Terra (1980-2003), O Correo Galego (1999 a 2000), El Periódico de Arteixo (2003) e La Voz de Galicia (desde 2005). Ten publicado nove novelas na editorial Toxosoutos, catro ensaios (tres deles sobre a figura de Manuel Murguía) e unha peza teatral infantil-xuvenil “A serea (2006, Fervenza). 

O Laudamuco é o seu primeiro premio literario en materia teatral, se ben ten recibido outros galardóns pola súa obra de narrativa, entre os que figuran o Premio de Narrativa do Concello de Vilalba de 1992 e 1997, o Premio Terra de Melide de 2005, o premio de Narración de Aventura Avilés de Taramancos de Noia en 2003 ou o Premio Sereo 2017 da Asociación Cultural Barbantia, á súa traxectoria cultural, entre outros.

Francisco Antonio Vidal Blanco sucede no palmarés a Raúl Dans, vencedor da segunda edición con “So un home bo”; e a Xavier Lama, gañador da segunda edición por “Na miña alma ouvea un lobo”.