O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, vén de formalizar ante notario a adquisición de catro parcelas no lugar de Liñares que serán destinadas á construción de vivenda protexida e libre. “Trátase dun día histórico para Brión, pois será a primeira vez que se promova a construción de vivenda protexida neste municipio”, asegurou Pablo Lago tras o acto de firma do acordo celebrado nunha notaría de Santiago.
O alcalde de Brión explica que “hoxe investimos 164.560 euros na compra de catro fincas do SAREB en Liñares, taxadas cada unha en 500.000 euros. Trátase dunha operación beneficiosa para o Concello e para a veciñanza de Brión porque por primeira vez na historia deste Concello imos ter terreo para destinar á creación de vivenda protexida e, por outra, contaremos cun retorno económico cando se saquen a concurso as outras parcelas destinadas a vivenda libre”.
As parcelas adquiridas están emprazadas no lugar de Liñares, ao carón da entrada/saída da Autovía Santiago-Brión e ao pé do inicio da avenida de Santa Minia. Trátase de catro parcelas que suman un total de 4.295 metros cadrados de superficie no polígono único da área de reparto número 9 do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Brión. Unhas fincas urbanas, de uso residencial e ás que lles corresponden un aproveitamento urbanístico de 2.125 metros cadrados edificables a cada unha.
Vivenda a disposición da veciñanza
Estas catro fincas estaban taxadas en medio millón de euros cada unha, pero o Concello tivo a oportunidade de adquirirllas á Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de Reestructuración Bancaria SA por 164.560 euros, “un prezo máis que razoable, polo que estou convencido de que esta operación vai ser beneficiosa en todos os sentidos, sobre todo no de axudar a poñer vivenda a disposición da cidadanía”, sinala o alcalde brionés.
Neste sentido, Pablo Lago indica que “tendo en conta o problema de vivenda que temos a nivel nacional, entendemos que para o Concello de Brión é unha oportunidade única para crear vivenda protexida no noso municipio e dar unha resposta a unha necesidade que non tiñamos cuberta en Brión. Unha operación que culmina unha semana grande en Brión, pois tamén sacamos adiante dous proxectos por máis de 16 millóns de euros que permitirán mellorar o sistema de abastecemento de auga e dotar a todo o municipio dun alumeado máis eficiente”.
O alcalde brionés, acompañado polo avogado que representa ao Concello, acudiu ao acto de sinatura do acordo de compravenda celebrado nunha notaría de Santiago de Compostela. Nel estiveron presentes fisicamente integrantes da notaría, xa que os representantes da Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de Reestructuración Bancaria SA asinaron dende outra notaría en Madrid.
Os 164.560 euros investidos serán financiados con cargo ao Remanente Líquido de Tesourería do Concello, despois da aprobación do expediente de modificación de créditos 1/2024 de crédito extraordinario nunha sesión plenaria extraordinaria do pasado mes de novembro. Unha proposta da Alcaldía que foi aprobada cos seis votos a favor do grupo de Goberno e coas abstencións de PP e BNG.