O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, mantivo unha entrevista co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, para abordar o estado das obras de estradas provinciais no municipio e as necesidades do Concello de Brión no ámbito da mellora da seguridade vial.
O alcalde solicitou a colaboración do ente provincial na construción do campo de fútbol José Pumar a través dunha subvención nominativa de 350.000 euros
Pablo Lago solicitou a construción dunha senda peonil en Mourentáns, na DP-1301, onde a Deputación da Coruña se encargaría da redacción do proxecto e da súa execución, mentres que o Concello de Brión negociaría coa veciñanza a cesión dos terreos precisos para a execución das obras. “Teño que agradecer que, unha vez máis, os terreos foron cedidos por todos os veciños e veciñas, conscientes da necesidade destas obras xa que estamos falando dun tramo cun tráfico de vehículos moi intenso e onde a xente non dispón case nin de beiravías polas que camiñar”, sinalou Pablo Lago.
Así mesmo, o alcalde brionés solicitou tres actuacións de mellora da seguridade na DP-1301, onde o organismo provincial xa ten intervido en varios tramos. Nesta ocasión, pídese a ampliación da Ponte de Nináns e o ancheamento do tramo entre esta ponte e o cruce de Vilar, xa que é un tramo moi estreito que quedou entre os dous ancheamentos realizados nos últimos anos. Unhas necesidades que o alcalde brionés xa lle trasladara in situ á deputada responsable de Infraestruturas Viarias e Obras Provinciais da Deputación da Coruña, Mónica Rodríguez Ordóñez, durante unha recente visita a Brión.
Finalmente, Pablo Lago agradeceu o investimento realizado pola Deputación da Coruña no primeiro tramo da DP-1301, á altura da aldea de Liñares, se ben incidiu na necesidade de mellorar a cuneta dereita desa estrada, así como de anchear o tramo dende Liñares a Gronzo, por ser unha estrada moi transitada e que posúe moitas curvas e é moi estreita.
Campo de fútbol José Pumar
Por outra banda, o alcalde de Brión solicitoulle ao presidente provincial unha subvención nominativa de 350.000 euros para acometer as obras de construción do novo campo de fútbol José Pumar, na parroquia de Bastavales. Un antigo campo de terra cuxo proceso de acondicionamento e remodelación foi redactado pola Real Federación Galega de Fútbol, a través dun convenio asinado co Concello de Brión.
Pablo Lago explica que “se trata dunha obra que está cada día máis preto de ser unha realidade, despois de moitos anos agardando por ela e que é moi necesaria debido ao gran número de persoas, tanto nenos como adultos, que utilizan estas instalacións, tal e como puido comprobar sobre o terreo o deputado delegado en Deportes, Antonio Leira, durante unha recente visita xunto á directiva do Bastavales UD”.
As obras suporán unha remodelación integral do campo de fútbol que emprega o Bastavales UD, incluída unha ampliación da súa superficie en dez metros. Con esas novas dimensións poderase xogar tanto a Fútbol-11 como a Fútbol-8, en dous campos de xogo. O proxecto inclúe tamén un novo alumeado, con catro torres de 20 metros e proxectores LED, así como una rede para a recollida da auga da chuvia e a instalación dunha nova rede de rego e dun peche das instalacións en aluminio. Unha actuación que suporá un investimento de case 550.000 euros e para a cal o Concello solicita unha subvención nominativa de 350.000 euros.