O Concello de Brión puxo hoxe martes o punto e final ás actividades do seu programa de conciliación Concilia Verán, que tiveron lugar dende o pasado 24 de xuño en horario de 8:00 a 15:00 horas. “Nesta edición acollemos a 275 participantes, de idades comprendidas entre os 3 e os 16 anos, de forma que un total de 216 familias de Brión se viron beneficiadas por este servicio dirixido a facilitar a conciliación familiar durante as vacacións escolares”, explica a concelleira de Ensino, Guarina Rey.
Entre as actividades que se levaron a cabo polas mañás figuran excursións ao Río Pego e outros puntos do municipio, saídas á praia de Broña, unha visita ao Gaias, unha sesión de contacontos de Sole Felloza con "As chaves do tempo de Luísa Villalta" ou o espectáculo musical "Brinca vai!: de aquí acolá", entre outras.
Ademais das seis quendas das actividades matinais do Concilia Verán, as familias brionesas tamén puideron optar por outras iniciativas como: dous campamentos de pernocta de 9 días cada un celebrados nas instalacións do Convento de Herbón (Padrón), un campamento infantil en xullo para nenos e nenas de entre 8 e 12 anos e outro campamento xuvenil en agosto para rapaces e rapazas de idades entre os 13 e os 16 anos.
O Concilia Verán 2024 está organizado polo Concello de Brión e conta co financiamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e do Ministerio de Igualdade a través do Plan Corresponsables.