Coa idea de estimular e apoiar a creación dramática en lingua galega e contribuír ao recoñecemento de Roberto Vidal Bolaño por todo o que representou e segue a representar na nosa cultura, o Concello de Brión, co apoio da Academia Galega de Teatro e de Edicións Positivas, convoca o VI Premio “Laudamuco” para Textos Teatrais 2024.
Un certame literario anual dotado dun premio en metálico de 7.000 €, ademais da edición da obra gañadora a cargo de Edicións Positivas. A el poderán optar autoras e autores de calquera nacionalidade, sempre que presenten obras dramáticas inéditas, nunca antes premiadas e escritas en lingua galega.
O tema e a extensión da obra será libre. Os orixinais deberán presentarse exclusivamente en formato dixital ata as 23:00 h. do día 2 de febreiro de 2024, no correo electrónico recollido nas bases de participación (poden consultarse premendo na ligazón ao pé deste texto). O xurado do premio estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito das artes escénicas, que serán as encargadas de emitir o veredicto final.
O galardón entregarase no transcurso dun acto que se celebrará o día 16 de maio de 2024, corenta e cinco aniversario da estrea de “Laudamuco, señor de ningures”, a peza coa que o teatro galego iniciou a súa singradura profesional o 16 de maio de 1978 da man da compañía Antroido, dirixida por Roberto Vidal Bolaño. Unha iniciativa determinante para o conxunto do sistema teatral galego e sen a que non se podería explicar a súa historia posterior.
Bases de participación do VI Premio Laudamuco para textos teatrais