O Concello de Brión vén de incorporar hoxe a dous novos axentes ao seu corpo de Policía Local. Efrén e Manuel asinaron esta mañá o seu cargo como funcionarios do Estado, un día despois da súa gradación na XV Promoción de Policías Locais celebrado na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Un acto celebrado na Estrada e ao que asistiron o alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e o xefe da Policía Local de Brión, Marcos Delgado.
Con estas incorporacións, o corpo de axentes da Policía Local de Brión volve contar con tres efectivos, como se contemplaba na súa creación no ano 2008 e tal e como comprometera o alcalde na sesión plenaria de xuño de 2022. “Foi unha longa espera, con todo o procedemento administrativo e de formación necesarios para incorporar a estes dous novos axentes. Espero que desfruten da súa estancia en Brión e que o seu traballo sexa beneficioso para os veciños e veciñas de Brión, tanto dende o punto de vista de prevención do delito e do incremento da seguridade, como á hora de proporcionar asistencia e prestar servizos á veciñanza”, apunta Pablo Lago.
Así, aínda que Brión é de por si un lugar seguro, a incorporación de Efrén e Manuel permitirá garantir unha atención permanente ao cidadán e, no seu caso, unha actuación inmediata ante calquera requirimento urxente. O seu traballo abranguerá distintas áreas. Dende a prevención de delitos e infraccións, ata velar pola orde e a seguridade viaria e a protección do medio ambiente, así como dar resolución ás queixas ou suxestións recibidas por parte da veciñanza.