O alcalde de Ribeira de Piquín e presidente da Fundación Terreo, Roberto Fernández, acompañado da deputada de Emprego da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, do alcalde de Brión, Pablo Lago, e de persoal técnico do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación, visitou no día de onte as instalacións do obradoiro colaborativo “Transformando en Brión”, un dos once coworkings que forman parte da Rede de Espazos de Traballo Colaborativo cos que conta a institución provincial coruñesa.
A visita xurdiu a raíz do interese suscitado tras a presentación deste espazo e da Rede Provincial de Coworking na Xornada de Promoción do Emprego para Repoboar o Rural organizada polo GDR Montes e Vales Orientais e a FEGAMP o mes pasado na Fonsagrada.
Durante a visita todas as persoas asistentes tiveron a oportunidade de coñecer o funcionamento deste espazo de transformación compartido, de falar con algunhas produtoras e mesmo de degustar produtos elaborados con produtos agrícolas de proximidade.
Pola súa banda, o alcalde de Ribeira de Piquín amosou o seu interese en replicar esta boa práctica de establecer un obradoiro de transformación agroalimentaria no seu territorio.
Fundación Terreo
Así mesmo, tamén destacou a creación da Fundación Terreo, impulsada desde o seu Concello, para loitar contra o abandono das terras e o minifundio e que xa conseguiu a reapertura da súa piscifactoría para a produción de troitas, xerando deste xeito novos postos de traballo no territorio.
Ademais, a Fundación Terreo iniciará en breve a fase de venda de carne de porco celta, o derradeiro paso do pioneiro proxecto Forescelta, que se executou neste municipio y no de Vegadeo, a través dun grupo operativo do Ministerio de Agricultura. O proxecto, que recibiu 500.000 euros de fondos deste ministerio para a súa posta en marcha, xera emprego directo e pode converterse nunha alternativa para moitas familias que teñan fincas e queiran vivir do rural.
“A posta en marcha dun espazo de transformación como que tedes en Brión brindaría enormes oportunidades a un Concello como é Ribeira de Piquín, de menos de 500 habitantes” subliñou o rexedor.
Transformando en Brión
O centro de transformación agroalimentaria Transformando en Brión, integrante da Rede Provincial de Coworking, comezou o seu funcionamento en 2019 e desde entón a súa demanda non fixo máis que aumentar.
Pablo Lago destacou que “desde os inicios este centro vén aglutinando en torno ás instalacións e ás persoas a un grupo cada vez máis numeroso de pequenos e pequenas produtores e produtoras de froita, horta e cereal que ven nestas cociñas a súa mellor opción para poder comercializar de xeito legal os seus produtos”.
Pola súa banda, Carme Freire, xestora do espazo, subliñou que “no último ano fixéronse máis de 80 xornadas de acompañamento ás instalacións tanto con novas persoas interesadas no seu uso e en formar parte do proxecto como con persoas que, unha vez feita a formación, solicitan asesoramento individualizado tanto para temas relacionados coa propia transformación de alimentos como coa etiquetaxe, comercialización, emprendemento, uso de máquinas ou acceso ao propio centro, etc”.
Este espazo forma parte da Rede Provincial de Coworking, posta en marcha desde o Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña. Pode atopar máis información sobre esta rede en redecoworking.pel.gal