O auditorio do centro social polivalente de Brión acolleu este mediodía o espectáculo “Expectativa vs realidade”, unha obra de Trémola Teatro para o alumnado de 1º da ESO do IES de Brión coa que deu comezo a programación especial do 25 de Novembro do Concello de Brión. Un programa que se desenvolverá ata o vindeiro 14 de decembro e que inclúe outras dúas actuacións teatrais, un obradoiro de autodefensa feminista e a tradicional lectura do manifesto institucional.
Durante a actuación desta mañá, Trémola Teatro fixo reflexionar ao alumnado brionés sobre o contido que suben ás redes sociais e como, a pesar de usar as mesmas canles, os contidos que lles chegan son diferentes, polo que a presión e as expectativas ás que se ven sometidos son diferentes en función do seu xénero.
Como exemplo, a maioría das rapazas de 1º da ESO do IES Brión sabían o que era o “skincare” (obsesión polo coidado e perfección da imaxe) e mesmo moitas delas dixeron practicalo, mentres que a maioría dos nenos descoñecía o que era e todos coincidiron en que nunca o practicaran.
Próximas actividades
O vindeiro luns 25 de novembro, ás 12:00 horas, terá lugar a tradicional lectura do manifesto institucional contra a violencia de xénero por parte da concelleira de Igualdade, Rosa Romero, na praza do Concello de Brión. Un acto que contará cunha actuación de Teatro das Maniotas, grupo conformado por alumnado do IES de Brión. En caso de choiva, a actividade trasladaríase ao centro social polivalente.
Para o martes 26 de novembro queda o “Obradoiro de autodefensa feminista”, dirixido a mulleres e persoas non binarias de Brión. Será impartido por Cristy Tojo, campioa de Europa de parakarate, que lles aprenderá técnicas físicas e mentais para afrontar situacións de violencia machista e que poden ser empregadas por mulleres de todas as idades. Esta sesión terá lugar o 26 de novembro, de 18:45 a 20:45 horas, no centro social polivalente. A participación é de balde, previa inscrición no mail beatriz.yanez@concellodebrion.gal.
Finalmente, para o sábado 14 de decembro queda a posta en escena da obra de teatro “Bravas”, de Isabel Risco e dirixida por Fran Rei. Unha actuación dirixida a un público que terá lugar no centro social polivalente ás 20:00 horas. As entradas poden reservarse gratuitamente en billeteira.concellodebrion.gal.
“Bravas” é o segundo espectáculo unipersonal de Isabel Risco no que ofrece a súa visión da historia das mulleres galegas, unha historia roubada, agochada e invisibilizada. Unha actuación organizada polo Concello de Brión en colaboración coa Rede Cultural 2024 da Deputación da Coruña.