O Concello de Brión puxo e marcha esta mañá as accións acordadas tras a caída de parte dun dos carballos da emblemática Carballeira de Santa Minia o pasado mércores. Tal e como se decidira na reunión cos técnicos encargados do proceso de repoboación da carballeira, hoxe procedeuse á revisión física das árbores e iniciouse unha poda de seguridade.
O alcalde de Brión, Pablo Lago, explica que “os traballadores do GES de Brión, baixo as indicacións dos técnicos responsables, están a realizar unha poda das copas e das ramas máis elevadas para fortalecer as árbores e evitar novas caídas”. Uns traballos para os que o GES brionés está a empregar o camión autoescada comprada polo Concello no verán de 2021, que está especialmente preparado para actuacións en altura e é equiparable aos vehículos existentes en calquera parque de bombeiros. A parte principal da poda realizarase na xornada de hoxe e rematarase durante esta semana, de acordo coa dispoñibilidade tanto dos traballadores do GES de Brión como do camión autoescada.
Toma de mostras
Posteriormente, os técnicos procederán á toma de mostras dos carballos de Santa Minia, que serán enviadas a un laboratorio especializado que se encargará de determinar o seu estado sanitario. Estas mostras mandaranse en quendas de 10 en 10. Trátase dun traballo laborioso xa que de cada carballo teñen que tomarse tres mostras: da raíz, da terra e das ramas. Así, cada quenda supón a toma dun total de trinta mostras.
Unha vez enviadas as mostras ao laboratorio, os resultados das análises tardarán en coñecerse un par de meses. Nese momento, o Concello de Brión poderá ter unha visión real e actual do estado sanitario das árbores para así tomar a mellor decisión sobre como proceder con elas.
De momento, o Concello procedeu ao peche temporal da Carballeira de Santa Minia, habilitando camiños seguros ás instalacións municipais que rodean a carballeira (biblioteca, Casa da Cultura, Aula CeMIT…) para que a veciñanza poida acceder a elas con normalidade e sen ningún tipo de risco. Este peche manterase mentres non rematen todos os traballos e se poida garantir a seguridade das persoas.
Por esa razón, o Concello de Brión procedeu a cambiar de lugar todas as actividades inicialmente previstas na carballeira, como a Andaina Torres de Altamira, que reunirá este sábado a preto de 800 persoas. Unha proba que tiña saída e chegada na Carballeira e que agora se trasladou á praza contigua á carballeira, ao pé da rúa Gondar.
Estas análises buscan confirmar ou negar a presenza de Armillaria Mellea nas árbores, unha enfermidade para a que non hai cura posible e que provoca a putrefacción do sistema radicular do carballo e, en consecuencia, a súa morte por inanición ao non poder absorber nin a auga nin os nutrintes do chan. Este fungo xa ocasionou a retirada dunha ducia de carballos e do terreo da zona sur da carballeira, que foi substituído por nova terra e novos exemplares de carballo de 3 metros de alto.