O Servizo Agrario Galego da Xunta de Galicia (SEAGA) comeza a inspeccionar milleiros de fincas nas faixas secundarias das parroquias de Brión

SEAGA
O Concello ven de asinar un convenio con este organismo, en virtude do cal o Seaga pasará a inspeccionar, levantará acta e fará informes das parcelas sen limpar no perímetro dos distintos núcleos de poboación, para iniciar os procedementos de sanción.

O organismo autonómico iniciou xa os traballos de inspección das faixas secundarias coa finalidade de aumentar as condicións de seguridade das aldeas ante os riscos de incendios forestais. Serán inspeccionadas milleiros de fincas, que están situadas no perímetro de 50 metros arredor dos núcleos, para realizar un inventario do estado no que se atopan. Unha vez feito, o Concello iniciará o proceso de notificación ás persoas propietarias das mesmas que non cumpran coa obriga de manter as parcelas limpas e libres de maleza ou especies pirófitas.

Se, tralos requirimentos municipais as propietarias, non actúan será o propio SEAGA quen acometa a limpeza e roza dos predios de xeito subsidiario, emitindo a factura e a sanción á persoa ou persoas propietarias.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, lembra que nos últimos anos foi o Concello o que veu informando convenientemente á veciñanza, tanto a través de bandos municipais como a través de requirimentos previa denuncia de particulares, onde se outorgaba tamén un prazo para a limpeza destas faixas.

"Agardamos que este convenio nos axude a poñer fin á situación de risco que padecen moitas das nosas aldeas por falta de limpeza de parcelas privadas, xa que o Concello de Brión non dispón de medios suficientes para proceder á execución subsidiaria", indica o rexedor.