Esta tarde recibimos na biblioteca municipal unha agradable sorpresa da man de Alicia Yáñez Rodríguez, unha pequena usuaria que con regularidade acode á sala infantil na procura de lecturas. A visita de hoxe foi moi especial, porque Alicia non veu retirar libros en préstamo, como de costume, senón que quixo agasallarnos, xunto co seu irmán Martiño e en nome da asociación ANEDIA, con dous exemplares da colección de Os Bolechas.
Trátase dunhas guías sobre a diabetes dirixidas aos nenos e ás nenas máis pequenos/as para darlles a coñecer en que consiste esta doenza e como as crianzas que a padecen poden integrarse e desenvolver unha vida activa e saudable.
As guías “Os Bolechas saben o que é a diabetes” e “Manuela é nova na escola: medrando con diabetes”, foron creados polo ilustrador Pepe Carreiro e están publicados pola editorial Bolanda co patrocinio da Deputación da Coruña, ANEDIA (Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia) e o Servizo Galego de Saúde.
Dende ANEDIA, a través o seu blog, comentan a importancia de ter materiais propios cos que traballar este tema cos máis cativos, coas familias e cos centros educativos. Da man de Pepe Carreiro crearon estas guías de Os Bolechas, un recurso didáctico de grande utilidade.
ANEDIA está doando a bibliotecas escolares e municipais de Galicia este interesante recurso lúdico e informativo. A Brión chegou da man de Alicia Yáñez e a súa familia que entregaron os mencionados exemplares á biblioteca municipal para que permanezan accesibles a toda a cidadanía. A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, e o encargado da biblioteca, Armando Patiño, acompañados polo técnico de Cultura Alberto Álvarez, foron os encargados de recibir este agasallo en forma de libro que quedará a disposición de toda a veciñanza do Concello de Brión.