Os nenos e nenas da Escola de Educación Infantil dos Ánxeles plantan árbores froiteiras na contorna do parque infantil do Inxerido

Imaxe da plantación das árbores froiteiras
Pais e nais sumáronse á iniciativa, xurdida dun proxecto de Fin de Grao promovido por Ainhoa Prieto, dentro do proxecto EXCORAS desenvolto pola USC, en colaboración do Concello de Brión e da EEI dos Ánxeles

Un total de 61 nenos e nenas da Escola de Educación Infantil dos Ánxeles, acompañados por moitos dos seus pais e nais, participaron esta mañá nunha plantación de árbores froiteiras nunha finca municipal na contorna da urbanización do Inxerido, na parroquia dos Ánxeles (Brión). Trátase dunha iniciativa ecolóxica xurdida a raíz do proxecto de Fin de Grao de Ainhoa Prieto Álvarez, alumna de Dobre Grao en Mestra en Educación Infantil e Primaria.

A rapazada saíu camiñando da EEI dos Ánxeles media hora antes da plantación, xa que o proxecto tamén inclúe a promoción dun estilo de vida activo e saudable, guiados polos seus mestres e mestras, encabezados polo director do centro, José Luís Garaboa; a propia Ainhoa Prieto e o seu titor na Facultade de Ciencias da Educación, Geno Rodríguez Fernández. O alcalde de Brión, Pablo Lago, e a concelleira de Turismo, Guarina Rey, recibiron á expedición na parcela municipal cedida para o desenvolvemento da actividade: 3.500 metros cadrados a carón do parque infantil e da pista polideportiva da urbanización do Inxerido.

Froiteiras

Pablo Lago amosou a súa satisfacción pola implicación non so do alumnado e o profesorado da EEI dos Ánxeles neste proxecto, senón tamén das familias que asistiron esta mañá á plantación das árbores porque “é unha forma de que todos sintamos que estas árbores son algo noso, porque estou convencido de que así as coidarán moito máis e poderemos desfrutar de ver como van medrando nun lugar privilexiado, a carón da pista polideportiva e do parque infantil cuberto do Inxerido”.

Aínda que o proxecto inicial era a plantación dun bosque de árbores autóctonas, Afonso Touceda, técnico experto en xardinería e paisaxismo, explicou que finalmente optouse por deixar esa iniciativa para próximos anos e facer agora unha plantación de árbores froiteiras nunha zona máis visible para a veciñanza: ameixeiras, maceiras, marmeleiros, pereiras... “O concepto era recrear o bosque galego e dende o Concello achegaron a finca que máis potencial tiña pero para este ano modificamos a idea de traer o bosque cara a finca para que esta zona, a parte máis amable, estea ocupada por froiteiras para que poida ser coidada por todos e así nos sentimos todos responsables”, indicou Touceda, quen explicou aos presentes o xeito correcto para plantar as árbores. “Este ano teñen que arraigar, o ano que vén empezarán a dar froita”, apuntou.

Próximo futuro

Pola súa banda, Ainhoa Prieto destacou que o obxectivo do seu proxecto é “promover a práctica da actividade física entre as crianzas, que se conciencien da importancia de coidar o medio ambiente e que participen activamente en actividades que teñan un impacto positivo na súa contorna inmediata”. Un proxecto que terá continuidade en próximas datas xa que “imos plantar cinco árbores máis, que non tiñamos hoxe, e despois iremos varias veces durante o ano a regar, visitar a zona e ver os cambios que se producen”, apunta Prieto Álvarez.

A maiores, dende a EEI dos Ánxeles teñen programada tamén unha pequena xornada “na que as crianzas amosen os traballos que están facendo respecto á contorna natural, porque traballamos a súa importancia, a importancia das árbores e as problemáticas ambientais”. Así, entre outras tarefas, fixeron debuxos sobre a contorna natural e representaron os bosques queimados con cinzas.

 Esta iniciativa de aprendizaxe-servizo está promovida por Ainhoa Prieto Álvarez, en colaboración co seu titor da Facultade de Educación, Geno Rodríguez Fernández, no marco dun traballo de Fin de Grao que se enmarca dentro do Proxecto EXCORAS, desenvolto polo Grupo de Investigación ESCULCA da Universidade de Santiago de Compostela. Conta coa colaboración do Concello de Brión e da EEI dos Ánxeles.