Un gran cartel para a Romaría de Santa Minia 2024

Cartel da Romaría de Santa Minia 2024
Un ano máis, o artista plástico Xosé Vizoso foi o encargado de deseñar o cartel dunha das romarías máis populares de Galicia.

Apenas saído do prelo, por fin coñecemos o cartel da Romaría de Santa Minia 2024; un deseño asinado polo artista plástico e veciño de Brión, Xosé Vizoso. Toda unha tradición que anuncia a proximidade dunha das celebración máis populares da contorna que reúne en Brión a milleiros de devotos romeiros procedentes de toda Galicia.

Este ano, a romaría celebrarase os días 26, 27, 28 e 29 de setembro, unhas datas que coinciden parcialmente coa fin de semana. Ao longo das catro xornadas, ademais dos tradicionais oficios relixiosos e a proxección do espectáculo de luz e son e tirada de fogos de artificio, desenvolverase unha ampla programación festiva con numerosos espectáculos e actividades lúdico-culturais. Sen esquecernos, por suposto, do apartado gastronómico, onde as grandes protagonistas serán as tradicionais polbeiras e a súa deliciosa oferta culinaria.

Un programa variado con música, monicreques, humor e moita inclusión

Espectáculos musicais de diversa índole serán os grandes protagonistas das festas, destacando as actuacións de charangas, bandas de música, agrupacións folclóricas tradicionais e as grandes orquestras que amenizarán as veladas nocturnas.

Á espera de coñecermos o programa completo, podemos adiantar que visitarán Brión as orquestras Los Satélites, Olympus, Marbella e Origen. O festival de Bandas de Música achegará ao municipio á Banda de Música Municipal de Carballo, que actuará xunto á Banda de Música Municipal de Brión. Completarase a oferta musical coas actuacións da solista Ruth Cundíns e os concertos de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Sr. Salvaje e Astarot; estes últimos, subvencionados pola Rede Cultural da Deputación da Coruña.

O Festival Brión Inclúe celebrará unha nova edición, que rematará cunha Sesión Vermú o domingo, presentada por Leti da Taberna, Chungo Pastel e Iguatuke, co patrocinio de Deputación da Coruña. Ademais, tamén gozaremos do VIII Festival Monecadas, coa participación de Titiritres, Títeres Cascanueces, Títeres Cachirulo e Títeres Alakrán.

E algunha que outra novidade máis da que iremos informando.