Unha trintena de persoas participa na primeira visita guiada e gratuíta da Ruta das Hortas do Concello de Brión

Ruta das Hortas
Tras a visita guiada á horta de Marisa (Pedrouzos) a próxima cita terá lugar o xoves 12 de setembro nos Ánxeles

Unhas trinta persoas participaron na primeira xornada da Ruta das Hortas, unha iniciativa posta en marcha polo Concello de Brión e a asociación Daquí Darrredor para poñer en valor o sector primario e promover o comercio de produtos locais e sostibles. Unha primeira sesión que tivo como destino a horta de Marisa, veciña de Pedrouzos.

Durante algo máis de dúas horas, Marisa e representantes da asociación Daquí Darredor guiaron aos presentes pola súa explotación, coñecendo como produce e comercializa os seus produtos de forma sostible. Unha venda de produtos na que contan coa colaboración do espazo colaborativo “Transformando en Brión”, emprazado no terceiro andar do centro comercial Montebalado e que é o punto de encontro do que parte esta Ruta das Hortas.

As próximas serán o xoves 12 á de Alba e o martes 17 á de Pablo (ambos os dous nos Ánxeles, e en horario de 10:00 a 13:00 horas) e o martes 24 á explotación de Pilar (Trasouteiro, de 17:00 a 20:00 horas). Para participar non é necesaria inscrición previa, basta con acudir ao coworking “Transformando en Brión” media hora antes do inicio da visita.

Esta Ruta das Hortas forma parte dunha programación especial organizada polo Concello de Brión para promover o sector primario no municipio. Un programa que inclúe a primeira edición do Coworking Fest, que terá lugar o 18 e 19 de setembro, e a sexta edición da Feira Labrega, o domingo 22 de setembro.

O Coworking Fest é unha iniciativa para darlle máis visibilidade ao espazo colaborativo de Montebalado. Así, o mércores 18 terá lugar unha xornada de portas abertas dirixidas a persoal da Administración Local e persoas que desexen coñecer o funcionamento destas instalacións. O xoves 19 celebrarase unha xornada formativa en cooperativismo aberta tanto ás persoas usuarias do centro como a interesadas na temática.

Finalmente, a Feira Labrega trasládase este ano ao Adro da Igrexa dos Ánxeles e incluirá venda e degustacións de produtos da horta, unha exposición de produtos agrícolas e de artesanía local, mostra de apeiros de labranza, obradoiros de oficios tradicionais, actuacións de grupos musicais e xogos tradicionais para a rapazada.