Dia a día recíbense no concello queixas da veciñanza indicando que algun farol do alumeado municipal está apagado, fundido ou mesmo roto; pero dende fai uns meses, chama especialmente a atención que as queixas aumentaron considerablemente e que, a pesares de que se procede a reparar as avarias unha e outra vez, estas repítense constante e practicamente nos mesmos sitios e coas mesmas causas.
Ante este problema, dende o concello encargóuselle a unha empresa especializada no ramo da electricidade un informe sobre o que estaba a suceder e esta ven de presentalo fai uns días. Á vista deste informe podemos concluír que o 90% das avarias que presenta o alumeado público son causadas pola manipulación de diferentes elementos da rede eléctrica. O mais preocupante é que son avarias que non obedecen a actos vandálicos sen mais, senón que están perfectamente coordinados e realizados coa intención de causar o maior prexuízo posible tanto para as instalacións municipais como para a veciñanza.
Entre estes actos, que se suceden en practicamente todas as aldeas do concello así como nas urbanizacións, podemos atopar: contadores e cadros eléctricos manipulados, células fotoeléctricas cortadas, cables cortados en varias arquetas, térmicos baixados manualmente, reloxos programadores manipulados para que o alumeado acenda a deshora e numerosas avarías mais que os técnicos non teñen dúbidas de que son realizadas pola acción da man humana.
Estas "avarías" supoñen un grande trastorno para a veciñanza que as sofre, pero tamén hai que ter en conta que repercuten nun gasto extraordinario para as arcas municipais xa que polo regular tradúcense en reparacións bastantes custosas.
Estes feitos xa se puxeron en coñecemento da Garda Civil a través da pertinente denuncia, e esta xa está a traballar nunha investigación para dar coa persoa ou persoas autoras destes delitos.
Dende o Concello de Brión condenamos enerxicamente estes actos e, pedimos unha vez mais, desculpas á veciñanza lamentando enormemente as molestias que lle están a ocasionar estes incívicos actos.
Así mesmo solicitamos a colaboración cidadá para que poña en coñecemento do Concello ou da propia Garda Civil calquera movemento estraño que poidan observar ou que aporten calquera información que poida axudar para sermos quen de atallar este problema.