O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e o seu homólogo da Estrada, Gonzalo Louzau, inauguraron o II Congreso Aberto de Toque Manual de Campás, celebrado este sábado na Igrexa de Bastavales. Un evento organizado polo Concello de Brión, a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) e a asociación cultural Campaneiros de Galicia no que participaron máis de setenta persoas.
Pablo Lago agradeceu a escolla de Brión como sede deste segundo congreso, destacando que “non pode haber mellor lugar que Bastavales para poñer en valor o toque manual de campás, oficio declarado patrimonio inmaterial da humanidade pero que varios séculos antes quedara inmortalizado na nosa literatura grazas á figura de Rosalía de Castro e o seu famoso poema”. Así mesmo, agradeceu a presenza dos numerosos expertos e especialistas que amosaron o seu arte na igrexa de Bastavales durante toda a xornada, que o primeiro edil brionés seguiu con especial interese.
Tras a presentación do Libro de Actas da primeira edición deste congreso, celebrado na Estrada, a Igrexa de Bastavales acolleu sete conferencias, un obradoiro para a veciñanza e varias sesións de toque manual de campás, onde destacaron os propios campaneiros locais: Manuel Patrón Chaves, Serafín Pego, Lino Regueiro e Manuel Sánchez Estévez.
Entre os poñentes estaba o maior experto español en campás de catedrais e campaneiro maior da catedral de Valencia, Francesc Llop i Bayo, reivindicou a volta ao toque manual nas catedrais. Un arte que nestes momentos en Galicia so practica a de Mondoñedo, cuxo campaneiro tamén estivo presente en Brión, e puntualmente a de Santiago. Unha arte que tamén pode converterse nun atractivo turístico, como salientou Minia del Rio, vogal de Apatrigal, lembrando a existencia de experiencias en distintos países europeos, onde contan mesmo con rutas específicas. O congreso pechouse cunha actuación do cantautor Manoele de Felisa.