Os alcaldes de Ames, Blas García, e Brión, Pablo Lago, visitaron esta mañá ao alumnado que durante os próximos nove meses recibirá formación específica sobre o certificado de profesionalidade oficial de Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. En total, 1.440 horas de formación.
Este obradoiro está sufragado pola Consellería de Economía Emprego e Igualdade, da Xunta de Galicia cunha inversión de 346.946 euros, e con achegas municipais dos Concellos de Ames e Brión por valor de 87.696 euros. Ademais da formación teórico práctica, o alumnado realizará traballos de interese municipal. No caso de Brión, van a proceder a unha instalación fotovoltaica no pavillón polideportivo de Pedrouzos e outra instalación aerotérmica e fotovoltaica no centro social polivalente, así como diversas actuacións de mantemento.
Os obradoiros duais de emprego son programas públicos de formación e emprego nos que as/os traballadoras/es desempregadas/os participantes reciben cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social. No caso do taller de Brión e Ames, conta ademais con 15.000 euros en incentivos para a contratación do alumnado: axudas de 1.500 euros para cada empresa que contrate a un/unha alumno/a do obradoiro por, cando menos, 3 meses.
Programas integrados de emprego
Ata o Centro de Formación de Aldea Nova achegáronse, ademais dos dous alcaldes, a concelleira de Emprego do Concello de Brión, Guarina Rey e a concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Ana Paz. Os mandatarios municipais animaron ao alumnado a aproveitar este curso que conta cunha gran demanda laboral e despois realizaron unha visita aos programas integrados de emprego que se están a impartir no centro amiense e nos que participan 100 mulleres desempregadas, dos concellos de Ames e Brión.
Este é a décimo terceira edición deste programa integrado, que acada unha media de inserción laboral de preto do 50% en todas as súas edicións. A edición de 2021 está financiada pola Consellería de Emprego e Igualdade con 213.599,74 € e cofinanciada polos Concellos de Ames e Brión.