"Brión Solidario", unha iniciativa para doar aos máis vulnerables alimentos polo Nadal

BrionSolidario
A iniciativa busca completar as achegas que o Concello desenvolve ao longo do ano en colaboración co Banco de Alimentos.

O Concello de Brión pon en marcha por décimo ano consecutivo a campaña especial de Nadal "Brión Solidario"?, unha iniciativa que busca recoller alimentos non perecedoiros e correctamente empaquetados para as familias máis vulnerables do municipio.

Todas as persoas e entidades que desexen colaborar nesta nova edición poden achegar as súas doazóns, desde hoxe e ata o final do Nadal, nos distintos centros municipais (Casa do Concello, Casa da Cultura, Centro Social Polivalente e Biblioteca Municipal), así como no supermercado Froiz de Montebalado.

Búscanse alimentos non perecedoiros e correctamente empaquetados, especialmente azucre, produtos de Nadal, conservas e produtos de hixiene persoal. Así mesmo, desde os Servizos Sociais de Brión lembran que tamén son ben recibidos o aceite, o leite, a pasta, o arroz ou as galletas.

Tamén existe a posibilidade de entregar donativos en metálico ben na Tesouraría Municipal do Concello de Brión ou ben a través dun ingreso na conta do Concello en Abanca de Montebalado. En ambos os casos, a persoa ou entidade doadora recibirá o correspondente xustificante de ingreso.

O alcalde, Pablo Lago Sanmartín, móstrase "totalmente convencido de que volveremos contar cunha excepcional colaboración veciñal" e explica que que "a campaña levase a cabo en torno ao Nadal para así poder completar as entregas que o Concello desenvolve ao longo de todo o ano, en colaboración co Banco de Alimentos. Deste xeito, buscamos achegarlle ás familias que o precisen aqueles artigos dos que habitualmente non se dispón".