A muralista italiana Ginevra Giovannoni “Rame13” fará unha intervención mural en Brión dentro da sexta edición do Delas Fest

DelasFest 24
A actuación terá lugar entre o 16 e o 23 de xullo no paseo de Pedrouzos

O Concello de Brión participa un ano máis no Delas Fest, o primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa que este ano cumpre a súa sexta edición. Un programa feminista de arte urbana contextual que foi presentado esta mañá en Compostela nun acto que contou coa presenza da deputada provincial de Cultura, Natividade González; a concelleira de Política Social e Igualdade de Brión, Rosa Romero; a concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica de Santiago, Miriam Louzao; e Clara R. Cordeiro, en representación de 7H Cooperativa Cultural, entidade organizadora do Delas Fest dende 2019.

Rosa Romero reafirmou o apoio do Concello de Brión a “este festival feminista de arte urbana e conceptual, ao tempo que convidamos a todos os veciños e veciñas da comarca a que se pasen por Brión do 15 ao 23 de xullo para desfrutar do Delas Fest”. Nesta edición, a artista que se desprazará ata Brión será Ginevra Giovannoni, ilustradora, tatuadora e muralista italiana coñecida como “Rame13” (Pisa, 1989), quen fará a súa intervención mural no paseo de Pedrouzos.

A concelleira brionesa destacou a gran aceptación que tiveron intervencións anteriores no municipio pois “foron exemplos da creatividade das artistas e, ao mesmo tempo, formas de implicar á veciñanza no traballo final. Estamos seguros de que a proposta deste ano tamén será moi interesante para Brión”.

Programa da sexta edición

Seguindo o espírito colaborativo do programa e o desexo de visibilizar o traballo feminino, a ilustración do cartaz do VI Delas Fest é da ilustradora, ceramista e muralista Abi Castillo (Vigo, 1987). Co seu xeito tan persoal de representar á muller, esta tórnase protagonista pintando as casas, facendo que a arte urbana chegue ao interior dos fogares, convertendo á artista nun ser capaz de cambiar a paisaxe. Así, Abi Castillo, súmase ás ilustradoras María Montes e Maru Astray como creadoras da imaxe do festival, contando nesta edición coa colaboración de Paula Cantero, de Origami Estudio, para o deseño.
En canto ao traballo de documentación audiovisual, a sexta edición será retratada a través da ollada de Illa Bufarda, unha mirada que compartirá toda a emoción da pintura e dos encontros coas anfitrioas. Unha nova percepción que se engade aos vídeos de Cru Producións da quinta edición e ao de Adriana Páramo no 2022.

As artistas convidadas para realizar as tres intervencións en gran formato son: a artista plástica e muralista canaria Paula Calavera (Ceuta, 1989), que pintará no barrio de San Lázaro de Santiago de Compostela; a ilustradora, tatuadora e muralista italiana Ginevra Giovannoni, coñecida como “Rame13”, (Pisa, 1989) que desenvolverá o seu traballo en Brión; e a artista visual, ilustradora e muralista brasileña, Priscila Barbosa, (São Paulo, 1990) que realizará a intervención no barrio de Conxo, en Santiago. As intervencións murais terán lugar entre o 15 e o 23 de xullo, en distintas fachadas propostas pola veciñanza a través da convocatoria de Muros en Man Común, que se mantén aberta durante todo o ano, para que calquera persoa da comarca poida facer a súa achega .

Conscientes da importancia que facer partícipe á comunidade no proceso de creación das obras, un ano máis procedeuse á convocatoria “Anfitriónate!”. Nos primeiros encontros virtuais levados a cabo en xuño, a veciñanza tivo a oportunidade tanto de coñecer ás artistas como de facerlles chegar as súas vivencias, os coñecementos ao redor do territorio que habitan, as narracións que as envolven… Con estes datos, as muralistas están a deseñar un bosquexo que lles amosarán nas reunións presenciais que terán lugar o día da súa chegada.

Reivindicación da igualdade de xénero

O Delas Fest é moito máis que un festival, pois as intervencións murais sempre veñen acompañadas de actividades que lles dan sentido tanto ás pinturas, como ás reivindicacións de xénero e sociais que se queren amosar a través delas. Por iso, este ano o Delas Fest pasa a apelidarse “Programa feminista de arte urbana contextual” e volve para escoitar e contar as historias da comarca.

O proxecto, organizado por 7H Cooperativa Cultural desde o 2019, reafírmase nos seus principios: a reivindicación da igualdade de xénero, a democratización da arte a través da implicación das comunidades onde se vai pintar, a liberdade creadora das artistas convidadas, o coidado de todas as persoas implicadas no programa e o apego ao territorio. Cita de referencia de arte urbana no circuíto estatal, o programa é posible grazas aos concellos de Santiago e Brión, á liña de subvencións da Deputación da Coruña e ao patrocinio de Montana Colors, Ibersa-El Mundo del Pintor, Alro Maquinaria e Gadis, así como á colaboración de Cafés Candelas e Daveiga-Galletas Mariñeiras.