O Concello de Brión inicia as obras de ampliación do pavillón municipal de Pedrouzos, cunha inversión de 540.000 euros

Imaxe do espazo apegado ao pavillón onde ficará a nova estrutura de ampliación do edificio
Construirá un inmoble de 648 m2 que poderá ser empregado tanto actividades deportivas, culturais e sociais polo Concello, o CEIP de Pedrouzos e o IES Brión

O Concello de Brión vén de iniciar as obras de ampliación do pavillón municipal de Pedrouzos, un proxecto que suporá un investimento de 540.346 euros, dos que o Concello de Brión achegará 390.346 euros e os 150.000 euros restantes serán achegados pola Deputación da Coruña, grazas ao convenio asinado polo alcalde brionés, Pablo Lago Sanmartín, e o presidente provincial, Valentín González Formoso.

Os traballos deron comezo coa habilitación da parcela anexa ao polideportivo onde se emprazará o novo inmoble. “Durante o tempo que duren as obras haberá certa afectación ao tráfico de entrada e saída ao colexio, sobre todo cando coincida coa chegada dos autobuses”, explica Pablo Lago, quen sinala que “pedimos desculpas polas molestias pero estamos convencidos de que o resultado merecerá a pena pois teremos un novo pavillón multiusos e unha pérgola de acceso que conectará co polideportivo actual e que servirá tamén como zona de espera para o alumnado do colexio e do instituto tanto á hora de chegar aos centros como á hora de agardar polos autobuses de volta a casa”.

As obras consisten no mantemento do actual pavillón municipal, apegando un novo inmoble no seu lateral cara o CEIP de Pedrouzos e o IES de Brión, cunha superficie de 648 metros cadrados. “Será un espazo multiusos que poderá ser sede de competicións deportivas, acoller encontros culturais ou sociais, como concertos ou exposicións, e servirá de apoio ao colexio e ao instituto, pois nel poderanse desenvolver actividades extraescolares ou calquera outras que precisen”, apunta Lago Sanmartín. Todo, nun edificio sen ningún tipo de barreiras arquitectónicas.

O novo edificio será unha mestura entre unha estrutura de formigón de elementos prefabricados e unha estrutura metálica apegada, debido aos condicionantes construtivos que ten debido á proximidade do polideportivo e dos dous centros educativos. O novo inmoble contará cunha capa impermeabilizante e con paneis absorbentes acústicos, polo que manterá unha boa temperatura e evitará a reverberación do son, facéndoo máis axeitado para a práctica de calquera tipo de actividade cultural, social ou deportiva no seu interior.

O proxecto inclúe tamén a construción dunha pérgola de acceso entre o actual polideportivo e a nova ampliación. Cunha superficie duns 130 m2, protexerá das inclemencias meteorolóxicas ás persoas usuarias desta instalación, tanto á hora do seu acceso como no tempo de agarda para a súa volta á casa.

O actual pavillón polideportivo de Pedrouzos data de 1990 e conta cunha superficie de 1.368 metros cadrados. Trátase da infraestrutura municipal máis utilizada do concello, xa que todas as súas horas dispoñibles están ocupadas debido ao gran número de clubs e persoas que practican deporte en Brión. Unha poboación que pronto disporá dunha nova instalación para a práctica da súa modalidade deportiva.