O Concello de Brión vén de iniciar as obras de mellora do viario de acceso á localidade de Babenzo, na parroquia de Bastavales, na que investirá un total de 268.277,17 euros. Unhas obras executadas pola empresa Construcciones Ponciano Nieto SL ao abeiro do Plan de Obras e Servizos POS+Adicional 2/2022 da Deputación da Coruña.
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, destaca que “ademais de mellorar a capa de rodaxe actual por outra en aglomerado, a nova cuneta de seguridade permitirá incrementar a seguridade na zona tanto para os vehículos como para os peóns, que disporán dun lugar polo que transitar”.
Os traballos de acondicionamento consisten na mellora da capa de rodaxe desta estrada con cinco centímetros de aglomerado en quente, previo bacheo con grava e tratamento asfáltico semiprofundo de dous treitos de 310 e 380 metros de longo, por catro metros de ancho. Unha actuación que ten un prazo máximo de execución de seis meses.
A maiores, construirase unha cuneta de seguridade en formigón de 1.320 metros baixo a que se instalará a tubaxe precisa para a canalización das augas pluviais. Finalmente, contémplase a apertura de gabias e a limpeza de salvagabias para a correcta drenaxe lonxitudinal e transversal, así como a colocación de sinalización horizontal co pintado de liñas de bordo e símbolos.