O Concello de Brión, veciños de Cornanda e entidades contan cunha ducia de modelos de alegacións diferentes para presentar contra a concesión da central hidráulica reversible do Tambre que tramita a Xunta de Galicia

Xuntanza veciñal informativa en Cornanda
A Comisión de Seguimento creada na asemblea do 17 de febreiro presentou onte o resultado do seu traballo aos veciños e veciñas, que agora adaptarán as distintas alegacións á súa casuística persoal.

As alegacións poderán presentarse ata o luns 6 de marzo (incluído) de forma telemática, en Correos ou nun Rexistro Xeral de calquera concello de Galicia.

O local social de Cornanda acolleu na noite de onte mércores a asemblea veciñal comprometida o pasado 17 de febreiro polo alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, para a presentación dos modelos de alegacións contra a concesión da central hidráulica reversible do Tambre, que tramita nestes momentos Augas de Galicia e que foron redactadas por unha Comisión de Seguimento creada nesa mesma data. Unha comisión presidida polo propio alcalde, ausente onte por unha cuestión de saúde familiar, e integrada por 8 veciños e veciñas, un representante de cada grupo político municipal (PSOE, PP e BNG), un asesor técnico e un asesor xurídico, que se encargou de explicar á veciñanza tanto o contido das alegacións como os pasos precisos para a súa presentación ante Augas de Galicia.

Así, a Comisión de Seguimento elaborou un documento de alegacións de oito páxinas con seis alegacións principais, con varias máis de apoio. Nelas a persoa que as presente “manifesta o máis absoluto rexeitamento ás iniciativas do aproveitamento da auga que se interesan, que levarán a unha alteración irreversible do medio natural, económico e social, condicionando e mesmo chegando a facer desaparecer o estilo de vida rural imperante na zona por mor da execución da Central Hidroelécrica Reversible do Tambre que se pretende implantar”. Por iso, solicita que “se proceda a desestimar as solicitudes para a instalación dun aproveitamento hidroeléctrico no río Tambre que figuran no antedito expediente”.

Alegacións

As alegacións nas que coincidiron os integrantes da Comisión de Seguimento son:

  1. Destrución do medio económico de subsistencia local. Inevitable despoboación da zona vencellada á imposibilidade de exercer actividade económica algunha. A central afectará directamente a 36 explotacións agrarias e gandeiras situadas na área de influencia de 2 km, véndose limitada a súa capacidade produtiva pola merma de terreos dedicados á súa explotación o que terminará por supor a desaparición de facto da maior parte destas explotacións.
  2. Falta de consideración do incremento do risco por mor da execución das obras e posta en funcionamento da central, especial consideración das aldeas de Cornanda e A Graña. Destacando que a balsa que almacenará a auga para o funcionamento da central, tal e como se nos di no proxecto, executarase xusto por riba das aldeas de Cornanda e A Graña, o que supón un grave risco por desprendementos ou desbordamentos para os habitantes das mesmas
  3. Explotación irracional e inxustificada do recurso e incumprimento do disposto no Artigo 96 do Regulamento do Dominio Público Hidráulico. A iniciativa non respecta o Plan Hidrolóxico de Galicia xa que a implantación da Central suporá unha sobre explotación do río Tambre que xa conta con outras concesións, entre as que se inclúe a do salto de Barrié de la Maza
  4. Prohibición de cambio de uso derivado de terreos afectados por incendios forestais. Os terreos que foran afectados por incendios forestais nos últimos 30 anos, atópanse afectos á prohibición de cambio de uso da Lei de Montes. Tal é o caso da zona onde se pretende implantar a balsa.
  5. Grave afección ao ecosistema local: perda irrecuperable dos hábitats da flora e fauna local (algunhas catalogadas en perigo de extinción e que figuran no Geo Portal do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, como o caso do lobo autóctono), grave afección á paisaxe (impacto ambiental), cambio climático (incremento da néboa no ambiente que terá repercusións negativas na saúde física dos veciños, xerando un ambiente frío e húmido) e afección á capa fréatica dos leitos próximos e dos acuíferos.
  6. Derradeiras consideracións: a grave afección ás augas subterráneas e potables existentes; a grave afección ao Esteiro do Tambre e a súa repercusión sobre a Rede Natura 2000; a sobre explotación do medio; a alteración dos viarios da zona; a imposibilidade real de reversión dos efectos prexudiciais vencellados á execución das obras unha vez finalizada a concesión – obriga de tolerar a instalación de por vida; a innecesariedade e falta de xustificación dos Proxectos; a falta de viabilidade económica do Proxecto; e a ausencia de interese xeral dos Proxectos.

Presentación

O asesor xurídico do Concello de Brión fixo fincapé na necesidade de que tanto estas alegacións como as que presenten outras asociacións ou os propios veciños e veciñas teñen que ter a mesma forma xurídica, ir dirixidas a Augas de Galicia, ter ben a dirección e ir asinadas polas persoas que a presenten. Así mesmo, confirmou que deben ser presentadas antes do luns 6 de marzo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente en Correos ou no Rexistro Xeral de calquera Concello.

A veciñanza que o desexe, pode descargar o modelo de alegacións a presentar premendo nesta ligazón.

Dende o Concello de Brión, Rosa Romero e Carlos Noya pediron aos presentes que non agarden ata o luns 6 para presentar as súas propostas. “Pensade que estamos falando dun mínimo de cinco minutos para tramitar cada alegación e que van ser bastante máis de 200, polo que se é posible non o deixedes todos para o último día”, solicitou Carlos Noya. Por iso, solicitaron que se presentaran tamén alegacións hoxe xoves e mañá venres e que se bote man dos Rexistros Xerais doutros municipios.

O Concello de Brión repartiu 250 copias desta alegación entre todos os veciños e veciñas presentes na asemblea, así como copias dunha versión destas alegacións dirixida aos veciños e veciñas de Vilariño. Así mesmo, tamén estaban dispoñibles copias das alegacións presentadas por Petón do Lobo e a Asociación Terras de Altamira, así como unha veciñal que se centra no impacto económico que terá sobre as aldeas da Graña e Cornanda tomando como referencia os datos económicos actuais da zona.

Os concelleiros Rosa Romero e Carlos Noya, en representación do alcalde, confirmaron que o Concello de Brión tamén está a ultimar as súas propias alegacións nas que, ademais de recoller as presentadas pola veciñanza, achegará máis documentación técnica e xurídica para apoiar as súas propostas. Unhas alegacións ás que se sumarán tamén os partidos políticos e as de ADEGA. Por outra banda, o departamento de Urbanismo do Concello de Brión traballa no informe solicitado por Augas de Galicia sobre a compatibilidade do proxecto cos usos do solo e o ordenamento urbanístico vixente.