"Altamira Brilla" regresa para celebrar a súa terceira edición cun programa de actividades que inclúe unha ruta pedestre polos lugares máis significativos da Batalla de Altamira, un espectáculo de monicreques para público infantil e, como colofón, un serán festivo coas actuacións de Os Quinquilláns e o grupo musical Fillas de Cassandra. Todo no impresionante marco escénico que conforman as Torres de Altamira, no lugar de A Torre (Brión).
Ruta teatralizada polos escenarios da Batalla de Altamira
O sábado 10 de xuño, pola mañá, terá lugar unha ruta teatralizada polos escenarios da batalla en territorio dos concellos de Ames e Brión, a cargo de Lucho Penabade e Elixio Vieites. Para participar nela será necesario facer reserva previa. O autobús que recollerá aos participantes sairá da Carballeira de Santa Minia ás 09:30 h. e do Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 09:45 h. A ruta farase a pé dende o lugar de Trasmonte (Ames) ata A Torre (Brión); o regreso será en autocar ata os lugares de saída.
Para reservar, as persoas interesadas en participar deberán enviar unha mensaxe onde indicarán o nome, apelidos e DNI ao seguinte correo electrónico: rutabatallaaltamira@gmail.com. Hai dispoñibles 50 prazas, que se outorgarán por orde de inscrición.
Monicreques, representación da batalla e concerto
Pola tarde, continuará a xornada festiva con varios eventos que se celebrarán nas Torres de Altamira. Ás 18:30 h. Títeres Alakrán representarán o espectáculo “Barrigaverde defendendo as Torres de Altamira”. Un espectáculo de monicreques para público familiar de acceso libre. As persoas interesadas deberán desprazarse ata o lugar de A Torre polos seus propios medios.
Ás 20:00 h., sairá dende a Carballeira de Santa Minia en dirección ás Torres de Altamira un autocar para acudir á representación artística e ao concerto programados, xa que non se permitirá acceder con vehículos particulares. A entrada é de balde con reserva previa en: https://www.woutick.es
A recreación teatral a cargo da compañía Os Quinquilláns da Batalla de Altamira dará inicio, ás 20:30 h., ao programa artístico que se completará, ás 22:00 h., cun concerto a cargo de “As fillas de Cassandra”. Ao final da festa, o autocar regresará á Carballeira de Santa Minia.
Unha conmemoración histórica e patrimonial que quere converterse en tradición
Foi un 13 de xuño de 1471, hai agora 552 anos, cando aconteceu a grande batalla que tivo lugar ao pé das Torres de Altamira, un monumento considerado Ben de Interese Cultural e situado nun espazo privilexiado que o converte en magnífico miradoiro sobre o Val da Maía. Construídas no século IX, as Torres de Altamira foron derrubadas no século XIV e reconstruídas en 1471.
Posibelmente un incendio no século XVIII contribuiría á deterioración do ben que a finais do século XIX foi utilizado como "canteira" para a construción. A Deputación da Coruña mercou a propiedade en 1973 iniciando obras de limpeza e consolidación dos restos da fortaleza da que hoxe só fican en pé restos da muralla e da base dunha das torres ademais dalgunhas ventás con arcos da reconstrución de 1471.