A sala municipal de exposicións de Brión encheuse de solidariedade e esperanza durante o acto de inauguración dunha exposición solidaria con José Galarzo e María Carmen Martínez, dous grandes artistas que perderon o seu obradoiro en Paiporta (Valencia) como consecuencia da DINA do pasado mes de novembro. Organizada polos Amigos dos Encontros coa Arte e o Concello de Brión, esta mostra pretende reunir fondos para colaborar na reconstrución do obradoiro a través da venda de cadros, fotografías e esculturas doadas por 38 artistas de toda a xeografía española.
A concelleira de Cultura de Brión, Sandy Cebral, agradeceu a colaboración desinteresada do artistas dos Encontros coa Arte, “unha gran familia que cada ano comparte a súa arte coa veciñanza de Brión”, lembrando que “as familias están sempre aí cando máis as necesitamos. Porque unha verdadeira familia non se define polo sangue. Defínese polo respecto mutuo e o afecto que uns senten polos outros. E iniciativas coma esta son bo exemplo diso”.
Un punto no que coincidiu Alberto Álvarez, xestor cultural do Concello de Brión, quen puxo en valor que “esta gran familia que conformarmos os Encontros coordinámonos para organizar esta exposición solidaria, en colaboración co Concello de Brión, en beneficio da reconstrución do seu obradoiro de creación artística en Paiporta. Entre todas e todos queremos establecer a base na que se apoie un renovado proxecto didáctico e creativo, rexurdido dos restos da catástrofe, impulsado polo espírito de camaradería e colaboración que dende o seus inicios caracterizan os Encontros coa Arte de Brión e a comunidade de artistas que os conforman”.
Así mesmo, tivo palabras de lembranza e cariño “para os amigos José Galarzo e Mari Carmen Martínez que, aínda que lles gustaría moito, non poden estar hoxe presentes. Eles continúan traballando arreo para recuperar o pouco que a riada lles deixou. Pero falo no seu nome cando vos transmito o inmenso agradecemento que senten por esta iniciativa”. Unha intervención que rematou cun desexo: “collamos os pinceis e pintemos de cor esperanza o futuro de Galarzo e Maricarmen e, con el, o da arte e oda cultura en Valencia, en Brión e no mundo”.
Obras dende os 30 aos 1.000 euros
A exposición solidaria estará aberta ata o 24 de decembro e todo o que se recade coa venda de obras e doazóns será destinado á reconstrución do obradoiro de Galarzo e Martínez en Paiporta. Unha mostra que reúne cadros, fotografías e esculturas que poden comprarse pola metade do seu valor de mercado, polo que as doazóns van dende os 30 euros das máis económicas ata os 1.000 euros dunha peza cun valor de mercado de 2.500 euros. Así mesmo, tamén existe a posibilidade de poxar por unhas acuarelas dos propios Galarzo e Martínez que non foron destruídas pola dina, pero que ata conservan gran parte da terra que arrasou co estudo de ambos artistas.
As obras que poden ser adquiridas ata o 24 de xaneiro son de artistas como: África de la Llave, Alba Roqueta, Alfonso Costa, Ángel Contreras, Antón Sobral, Antonio Marques, Barreiro, Beatriz Ansede, Camilo Seira, Carmen Hermo, Caxoto, Chelo Rodríguez, Emili Armengol, Fran Lareo, Frutos Casados de Lucas, Isabel Pintado, Iván Prieto, Joaquín Cortés, José A. Regidor, José Galarzo, José Vázquez Doce, Juan Moreno, Laureano Vidal, Manuel Ayaso, Manuel Méndez, María Carmen Martínez, María Manuela, María Xesús Díaz, Paco Casal, Rafa Arroyo, Rafael Úbeda, Ricardo Rilo, Siro, Tino Canicoba, Veiras Manteiga, Xosé Vázquez Castro, Xosé Vizoso e Yolanda Carbajales.
José Galarzo e María Carmen Martínez manteñen unha especial relación con Brión xa que, ademais de seren participantes habituais nos Encontros coa Arte, teñen impartido varios obradoiros de acuarela e cerámica entre os nenos e nenas do municipio, tanto acudindo eles aos centros educativos como en espazos naturais como o último celebrado na carballeira de Santa Minia.
O seu obradoiro estaba situado a 50 metros do barranco del Poyo en Paiporta e, a día de hoxe, está destruído, como se pode ver nas imaxes que hai na entrada da sala municipal de exposicións brionesa. A auga arrasou con todo: mobiliario, ferramentas, fornos cerámicos, tornos, laminadora, ordenadores e todo o material e obras de arte que atesouraban. Os fondos recadados nesta exposición solidaria serviranlles para retomar o seu traballo e volver á normalidade.