Un ano máis Brión celebrou a súa tradicional festa de Entroido. A xornada de celebración comezou pasadas as 16:30 h., iniciándose co desfile de participantes dende o Pavillón Polideportivo Municipal de Brión. De seguido, os participantes recorreron a distancia que os separaba da Rúa Tarrío acompañados pola charanga Os Celtas. Alí esperábaos o xurado e a maior parte do numeroso público asistente para iniciar a fase de concurso, onde se repartiron máis de 2500 € en premios.
O alcalde de Brión, Pablo Lago, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitaron na mañá do sábado 22 de febreiro as fontes-lavadoiros de Alqueidón (Os Ánxeles) e Boaventura (Brión), que foron rehabilitados ao abeiro da orde de axudas da Xunta para a corrección de impactos paisaxísticos.
Un total de 61 nenos e nenas da Escola de Educación Infantil dos Ánxeles participarán na plantación dun bosque de árbores autóctonas nunha finca municipal na contorna da urbanización do Inxerido, na parroquia dos Ánxeles (Brión). Trátase dunha iniciativa ecolóxica xurdida a través do proxecto de Fin de Grao de Ainhoa Prieto Álvarez, alumna de Dobre Grao en Mestra en Educación Infantil e Primaria.